mércores 19/05/21

Política democrática

Democracia é o que debía ter habido sempre no mundo, pero moi axiña estabelecéronse sistemas xerárquicos que decretaron que algúns valían moito e tiñan todos os dereitos e outros non valían nada e nacían sen dereito ningún. O que debía ter sido o xeito natural de organizarse foi obstaculizado polas estruturas de poder que se instituíron. O autoritarismo impúxose facendo que as institucións viraran case sagradas e puideran asentar dogmas e exixir sacrificios humanos.

Democracia e autoritarismo son incompatíbeis. Como pode ser democrático afirmar que España é monárquica e dar por feito que non pode ser outra cousa? Ditárono os deuses? Será que a república é inmoral e cousa de “roxos” inimigos da patria, como dicía Franco? Ditarían tamén os deuses que o socialismo é monárquico? E como pode ser democrático que se queira sacralizar e eternizar unha monarquía que, mesmo porque a impuxo o ditador Franco, tería que estar considerada ilexítima, polo menos até que a xente decida se a quer ou non?

A colaboración entre a política e a relixión foi sempre esencial para implantar os sistemas autoritarios, e segue tan viva hoxe como en tempos pasados. As relixións manexáronse para adentrar nas mentes e nos corazóns que quen mandaban nos asuntos humanos eran os deuses, e que os humanos tiñan que obedecer sen chistar. Na institución familiar que se promoveu baseándose nesa crenza, os pais recibían o mando directamente dos deuses e a sua obriga principal era facer que os fillos obedecesen as autoridades divinas e humanas. Así estabeleceuse un sistema de mando e obediencia de orixe “divina”, e polo tanto irrefutábel, no que as autoridades chegaban a selo porque os deuses así o querían, e tiñan dereito a mando sen responsabilidade, pois que os responsábeis dirixían desde outro mundo. Con eses alicerces montouse unha estrutura na que os representantes dos deuses neste mundo, fosen pais, reis, clases dirixentes, os de sangue azul ou sangue limpo, varóns, ricos, posuidores de títulos e gañadores de guerras, comportáronse como deuses e exixiron reverencia e submisión dos demais. O dereito a ter escravos, é dicir, propiedade humana, naceu de aí, e practicouse sempre.

En política, instituír sistemas democráticos foi moi contra a corrente dese fondo xerárquico e tiránico. O sistema autoritario de pensamento e acción estaba tan enraizado e tiña tanta forza que poucas veces a democracia puido funcionar como tiña que ser. No terreo político usáronse ideoloxías prometedoras de felicidade e benestar paradisíacos sen ter que facer nada para construílos e deixando todo en mans dos elixidos.

Os sistemas autoritarios mutilan as facultades humanas e non deixan que haxa creación, porque o que queren é que só poida haber repetición automática que non estorbe as autoridades. Sería fundamental para que poida haber democracia partir de que ninguén ten a verdade absoluta e de que, aínda que se tivese, iso non daría o dereito a impola. Se non se fai así, o que hai sempre é unha loita para impor dogmas e un reparto de postos importantes entre os que mandan que ao único que leva é a virar a filloa e que todo siga sempre igual ou peor.

O autoritarismo infantiliza e estraga porque encarcera a todos, aos carcereiros e aos presos. Pero non se vai poder saír dese sistema autoritario que rexe o mundo desde tempos inmemoriais sen un grande esforzo individual e colectivo, e a política é un dos medios fundamentais para facelo. Axudaría atender menos ás palabras e máis aos feitos e non deixarse levar por doutrinas nen catecismos que simplifican a realidade, sempre complexa e cambiante e na que case nada pode saberse para sempre. As crenzas fondas dos que se dediquen á política non importan moito, porque ningunha crenza de seu poderá indicar como facer as cousas na práctica. Por iso o debate e a tolerancia son a base da democracia e por iso a función importantísima da oposición é a de analizar e presentar puntos de vista distintos dos do goberno e explicalos, para que todos podan entender, decidir e que non lles diten o que hai que pensar e facer.

comentarios