Opinión

Piñeiro e a cultura galega

Igual que logo de morrer Franco o franquismo seguiu, porque quedara "atado y bien atado" e conviña aos que querían un país atrasado que funcionase ben para as elites e mal para os demais, o que teceu Piñeiro seguiu na Galiza porque tamén conviña a moitos. Pero como o piñeirismo asociouse coa cultura e non coa política, quedou máis disimulado.

Que quería Piñeiro? Quería que o galego adquirise prestixio, pero sen aprofundar. Quería que as elites soubesen galego para dicer que Galiza tiña língua propria e facer política con iso, pero non estaba interesado en que o galego que se falaba nas aldeias e vilas rurais, que era o que quedaba do galego auténtico logo de moitos séculos de ir ficando empobrecido e contaminado, se reconstruise como língua e collese forza. Piñeiro quería un galego minguado que non asustase, e desde logo que non tivese nada que ver co portugués.  Iso cadraba co proxecto político, amañado na Guerra Fría, de aparatar, para cando morrese Franco, unha España apresentável e que se integrase como peza fácil de usar no mundo neoliberal que se estaba argallando para que os ricos puidesen ser moito máis ricos. Nese amaño, España, para darlle respeitabilidade depois do seu pasado tormentoso, entraría na Unión Europeia e recebería fondos abondo para que moi axiña parecese que virara un país normal camiño de ser rico algunha vez. Galiza sería, dentro desa España, o país que, a pesares de ter "língua propia" como Cataluña e o País Basco, non daría problemas e sería mansa e benmandada. Como xa estaba afeita a ser pobre e a mendigar e que non lle fixeran caso, conformaríase con todo.

Piñeiro quería un galego minguado que non asustase, e desde logo que non tivese nada que ver co portugués

 

Piñeiro arrechegouse ao que logo resultou ser a falsa esquerda que axudou a que seguise o franquismo disfarzado, e con iso conseguiu que todo o que el facía e propuña parecese heroico e moi contra do réxime de Franco.  O seu instrumento principal foi a institución dunha ¨cultura galega¨ para amostrar na vitrina e baseada nun "prestixio" que non respondía á realidade. 

Piñeiro levou as cousas para que na política ninguén pisase fóra do rego, e o rego que estaba marcado polas forzas de dentro do estado español e polas de fóra era o dunha España que parecese socialista e liberada e seguise manexada pola Coroa e a Igrexa como desde había moitos séculos. Piñeiro desviou enerxías e centrounas nunha "cultura galega" que tiña o fin político de amarrar Galiza e ditar o que nela sucedía valéndose dunha elite "cultural". Esa "cultura galega" promovida por alguén como Piñeiro, que non tiña interese nengún pola cultura, quitou pulo a Galiza e fomentou a pasividade imitativa, porque levou a moitos a crer que con iso abondaba e que o país merecía admiración grazas a iso. Pero esa "cultura" foi instituida para ser manexada por unha minoría dominante, e non se pode saber se ten forza e calidade porque está sen peneirar e sen crítica intelectual que axude a separar o grao da palla.

Piñeiro foi un argalleiro, e habería que desfacer as suas argalladas e levar a Galiza por camiños menos abafantes e máis livres e criativos.

Comentarios