Opinión

Onde debe estar a capital?

Todo depende de que se pense que os sistemas xerárquicos son mellores e teñen menos problemas porque está claro quen manda e dirixe, ou de que se pense que eses sistemas funcionan moi ben para uns poucos e moi mal para os demais. Se o que se quer é centralizar e unificar, entón é peza fundamental para iso ter unha capital fixa que xunte os poderes todos. Se o que se quer é descentralizar, dado que o que predominou no mundo foron os sistemas xerárquicos e autoritarios e que todo está montado sobre esa base, habería que mirar como funcionan as estruturas de goberno e cambiar as pezas básicas da centralización. Fíxose algo diso, no camiño para a democracia, cando se cambiaron os sistemas monolíticos de goberno das nacións por federacións, confederacións ou autonomías. Pero, aínda que eses sistemas poidan descentralizar algo, o modelo centralizador seguirá mentres haxa unha capital fixa. Por moita federación ou autonomía que teña un país, o centro de mando está na capital, e ese centro é sempre absorbente e dominante. E o que moi ben pode suceder nos países, ou nacións autónomas, federados ou confederados, é que se repita a estrutura central, cunha capital que sexa reflexo da máis grande.

Hai razóns de peso para que teña que haber unha capital fixa? A capital estática e que nunca se move vira sempre centro de dominio altaneiro e finchado, o lugar onde están os escollidos, os que máis saben, os que dirixen, os que deciden todo. Os demais lugares fican esquecidos e tendo que depender dese centro que vira maquinaria automática e burocrática, con moito poder e pouca vida. O que sucede en todas as estruturas xerárquicas, de mando e obediencia, de superioridade e inferioridade, é que non pode haber máis nada que a loita polo poder e por estar nas alturas, e a consecuencia é que todos perden facultades: os que mandan viran cegos e non actúan con intelixencia porque o único que interesa é o propio mando e conservalo como sexa, e os que teñen que submeterse perden intelixencia tamén, porque se obsesionan con chegar a mandar, que é o único que conta nese sistema. Desa maneira gañan uns poucos e perden todos os demais e, sobre todo, perden visión os países e as nacións e perde a política, que non se concentra no que debera e queda parada no centro.

Se se quer descentralizar, habería que despatriarcar a política e a economía, os sistemas de goberno e a maneira de se organizaren as nacións. A capital, tal como está concibida agora, é como o fogar paterno da típica familia patriarcal, onde está o trono e os fillos teñen que render homenaxe a ese centro de poder sen o que non son nada. Nese sistema, os pais non se moven, non van visitar os fillos; os fillos son os que teñen que visitalos a eles. O resultado é que todos perden forza e que, en lugar de haber unha relación fecunda, hai fachenda e resentimento infrutífero. Dunha relación inxusta e baseada na xerarquía ¨natural¨ non pode saír nada creativo. Non hai evolución, ninguén aprende e todo segue igual sempre.

Unha capital itinerante en lugar dunha capital fixa serviría para descentralizar e dar flexibilidade a unha estrutura que, se non, vira tesa e solidificada de máis, e afoga a creatividade. Na Galiza sería unha das mellores maneiras de conseguir que os galegos deixaran de estar sempre divididos e aprenderan a se organizaren con intelixencia e xustiza, porque levaría a que se tivera en conta a todos e non só aos que locen e destacan. Na Galiza hai un centralismo e un localismo excesivos que impiden a organización intelixente e o ben común. Imaxinemos, en vez dunha capital galega como a de agora, unha capital móbil que fora de lugar en lugar por toda Galiza. O resultado sería que todos os lugares empezarían a ter importancia e adquirirían voz e poderes. Galiza actuaría en conxunto e aberta ao futuro, no canto de estar a maior parte dela acurralada e condenada ao esquecemento. Dirán algúns que sería moi caro e incómodo ter unha capital móbil, pero valería a pena o dinamismo, a xustiza e o espírito democrático que iso traería.

Comentarios