Opinión

O uso do medo

O medo foi sempre arma que se usou para conseguir submisión, individual e colectiva. E sería útil ver a diferenza entre o medo razoábel e o medo que se usa de propósito para vencer. Na vida e no mundo hai moito risco e moito perigo que non se pode evitar e que hai que aceitar e coñecer para actuar con intelixencia. É mais razoábel e intelixente coñecer os perigos de andar pola selva ou a montaña ou o mar que pensar que non hai perigo e que se pode andar por eles sen precaución e sen saber facelo. Non aceitar o perigo leva, ou a quedar paralizado polo medo ou a actuar con imprudencia.

Mas desde o principio da historia o medo utilizouse para mandar e impor. Foi sempre a arma principal para conseguir obediencia e estabelecer ditaduras e estados totalitarios. O autoritarismo imponse con medo, con guerras, con conquistas e anulando ao ser humano facéndolle sentir impotencia fronte ao perigo. Fíxose así desde a institución da familia patriarcal, encarregada de impedir a independenza e fomentar o medo a todo o de fora. Os estudos dirixíronse a facer elites conformistas valéndose do medo a non trunfar debidamente. A falta de traballo é unha arma poderosísima para espallar medo. Ás mulleres obrigáronas a viver sempre con medo deixándoas sen recursos e perseguíndoas. Mesmo nos países mais adiantados, nos que conseguiron liberarse algo, teñen que seguir có medo aos homes que andan á caza delas para humillalas e reducilas a nada, protexidos polos gobernos que tapan os ollos para non ver.

Considérase natural que a xente nova teña que viver con medo, á guerra, ás armas nucleares ou a esa catástrofe climática que moitos profetizan có mesmo entusiasmo relixioso que outros profetizan o fin do mundo como castigo dos deuses. Con iso os novos xa quedan debilitados desde o principio e sen forzas para a vida. E aos que sementan o terror se lles aplaude o abuso.

Coa pandemia da Covid-19 viuse con claridade como se espalla o medo na sociedade e como funciona. Viuse o doado que é deshumanizar e estabelecer a ditadura e o estado totalitario a nivel mundial. Foi como a guerra. Cando un país entra en guerra, o primeiro que fan os que mandan é proclamar o estado de excepción ou de alarma e suprimir todo mecanismo democrático. En nome dunha necesidade que exixe un esforzo xuntado, anúlase a posibilidade de disentir, analizar e protestar e imponse a obediencia absoluta. E, o que se  viu tamén nesta pandemia foi que, como nas guerras, unha grande parte da poboación únese ao autoritarismo irracional e séntese santa colaborando e delatando desobedientes. Xurde a beatería dos ¨bons¨, que viran fanáticos do

Ben contra o Mal e até quererían que se eliminara aos ¨maus¨, aos rebeldes. A acusación de ¨negacionismo¨ é como a de herexe canda a Inquisición. Con ela négase o direito a analizar e disentir: só pode haber unha verdade e hai que impola pola forza. E viuse tamén que hai moitos, en todos os países e en todo o mundo, aos que o medo failles preferir mando duro das autoridades e que non haxa liberdade e lles diten o que hai que pensar, sentir e facer.

Co medo intencional imponse tamén un sentimento de culpabilidade xeral, como se viu co do virus. A propaganda obrigou a sentir culpabilidade por estar aínda vivos cando tantos mortos había e por talvez levar a peste dentro e pasarlla a outros. A lista diaria dos mortos valeu para cultivar a obediencia e resignación agradecidas de non formar parte aínda das estatísticas. Pero aí aplicáronse, como sempre, dúas medidas distintas, unha para o ¨pobo¨ e outra para as autoridades. Cando as altas autoridades de UE, por politiquear e querer demostrar unión política e espiritual, actuaron con neglixencia e non contrataron as vacinas cando debían, non se lles pediron contas polos mortos que esa indiferenza causou.

Para que haxa liberdade e democracia habería que impedir que se use o medo para mandar, porque o medo entolda o entendemento, debilita, provoca emocións irracionais e fomenta a inxustiza. Grazas á propaganda do medo, o mundo despois da Covid-19 quedará, se non se lle pon remedio, moito mais como lles presta aos ricos.

Comentarios