Opinión

O que non queren os que mandan no mundo

Para acabar co autoritarismo e o dominio duns poucos sobre dos demais sería útil ver o que o sistema non deixa que haxa, e o primeiro que non quer é unha educación que independice e dea forza e liberdade. Sempre se impediu que a xente se educase e adquirise coñecimento, por medo a que non se deixase levar e enganar. Aos escravos proibíanlles que aprendesen a ler, e até tempos moi recentes as mulleres non tiveron acceso ao ensino, ou tiveron moito menos que os varóns.

Co correr do tempo foise conseguindo, con moito traballo, que se recoñecese o direito á educación de todos e non só dos varóns de familia rica e clase social alta, pero esa educación está manexada polos que dominan no mundo, e portanto é un instrumento poderoso ao servizo deles. Nestes últimos tempos de trunfo total do chamado mercado libre, que dá toda a liberdade aos asoballadores e tíralla aos demais, pódese ver con claridade que o sistema educativo non está para ensinar nen educar, senón para surtir un mercado no que haberá os escollidos para seren elite que apoie o sistema e os destinados ao desprezo e o abandono. Se hai que aparentar que a universidade é para todos, entón o que se fai é que a maioría delas non vallan para nada e que haxa unhas pouquiñas de luxo reservadas para a cría das elites futuras que mandarán en todo.

Pero non é só cuestión do ensino institucional, senón tamén de algo do que non se fala e do que nen se ten conciencia, que é que ás nais nunca se lles permitiu que educasen os fillos e non se quer que o fagan. A obriga das mulleres no patriarcado é ter fillos para dar continuidade á liña masculina de supremacía e inserir neles espírito de dependencia e obediencia ás autoridades. Nunca se lles permitiu que exercesen maternidade intelectual e espiritual, porque deixarían de entregar os fillos ao sistema autoritario.

O sistema educativo non está para ensinar nen educar, senón para surtir un mercado no que haberá os escollidos para seren elite que apoie o sistema e os destinados ao desprezo e o abandono

 

O mundo cambiaría moito se as nais educasen aos fillos. Iso daría a cada ser humano a atención individual que precisa e levaríao a pensar e sentir por si mesmo e a conseguir independenza, que é o non quer o sistema. Tamén cambiaría se o ensino institucional fose para dotar a cada persoa do coñecimento do mundo que se precisa para a vida. E non se pode chegar a un bon coñecimento da realidade se non se entende como funcionan dúas partes fundamentais dela: a política e a economía. Como é posíbel que non formen parte da educación máis básica? Será porque entón deixarían de ser materia arcana e veríase que a economía está manexada para que haxa moitos pobres? Se todo o mundo tivese un coñecimento mínimo da economía, non se tería chegado á famosa crise financieira da década pasada, porque até un cativo vería que o que se estaba facendo co diñeiro era un xogo imoral e sen escrúpulos que afundiría a moitos e daría máis riqueza aos aproveitados. Un cativo podería ver que o que se chama política non é tal, senón un reparto de poder entre os que queren dictar, abusar, roubar e facer guerras. Se todo o mundo soubese de política e de economía como se sabe de futebol e de calquera das cousas que o sistema favorece, sería moito máis difícil seguir aparentando e enganando como se fixo sempre.

Comentarios