Opinión

Nacionalismo

Sería un erro partir de que o nacionalismo vai traer automáticamente unha nazón boa e que funcione ben, porque dependerá sempre de como se interprete a nazón e do que se quera para ela.  Todos os dictadores son nacionalistas en cuanto que se constitúen en intérpretes únicos da nazón e eliminan o que non concorda có que eles queren.  Nacionalistas foron Hitler e Francisco Franco e nacionalistas son os que queren unha España ¨inteira¨.Para conseguir unha política que deixe de ser autoritaria e un nacionalismo que non sexa imperioso  sería útil analizar a influencia do patriarcado na ideia do que é unha nazón. 

Os nacionalismos están moi influidos pola ideia que impuxo o patriarcado de como ten que ser a familia, dado que a nazón é a familia colectiva. O patriarcado acadou moitísima forza na Galiza e esa forza vese na típica familia galega, autoritaria, negativa, adoradora do masculino e despreciadora do feminino, e cultivadora da dependencia eterna.  É unha familia que amarra e que non potencia talentos por medo a que iso traiga independencia.Habería que evitar que o nacionalismo galego fose un calco da familia galega, pois que ese tipo de familia, lonxe de axudar a que a Galiza poda desenvolver a sua auténtica persoalidade, impide que o faga e até podería dicerse que é o que de verdade a ¨coloniza¨. 

O patriarcado acadou moitísima forza na Galiza e esa forza vese na típica familia galega, autoritaria, negativa, adoradora do masculino e despreciadora do feminino, e cultivadora da dependencia eterna      

Pensar que a Galiza sería a ¨familia feliz¨ se a deixasen ser mais ¨galega¨  (é dicer, vivendo ¨en familia¨ ) é unha ideia falsamente romántica, de índole patriarcal, que ancora a Galiza nun pasado fantasiado e a abafa e inmobiliza.

A grande mudanza que todo o mundo quer nestes momentos é que as nazóns deixen de estar manexadas por oligarquías axudadas por políticos que din unha cousa e fan outra, e que se poda viver en liberdade. E non pode haber liberdade, nen individual nen colectiva, se non hai traballo. Loitar para que o haxa (traballo, e non só emprego) sería unha tarefa nacionalista.

Nengún país pode ter traballo se non se industrializa e olla para adiante en lugar de estar buscando a sua identidade no pasado. A autenticidade non é algo que outorguen os patriarcas da ¨familia¨. A cuarta revolución industrial xa empezou no mundo e semella axeitada para Galiza. Galiza debería incorporarse a esa revolución e non pola de lado e deixala ir, como se fixo en España con todas as revolucións industriais porque as oligarquías non querían que nada mudase. 

Comentarios