martes 14.07.2020

Por que morreu a aldea galega

Aló polos anos 50 e 60 do século pasado sucedeu algo moi decisivo para a Galiza, que foi que a aldea galega morreu. Os que vivían nas aldeas fuxiron. En dúas décadas, nas aldeas da Galiza só quedaron ao primeiro algúns dos máis vellos e logo tamén eles fóronse para as vilas e as cidades.

Houbo moito laiarse da emigración dos galegos a América e a Europa, pero desa outra emigración, que marcou moito a Galiza e a reduciu a menos, foi moi pouco o que se falou. Non houbo choros nen lamentacións. Semellaría que todos quedaron contentos de que aquelas aldeas deixaran de existir.

Por que naqueles anos de metade do século pasado quedou baleiro o campo galego? Porque, se antes ese campo xa estaba desasistido, logo quedou sen nada, desde o ponto de vista material e desde o espiritual tamén, como un corpo desnutrido, famento, maltratado e sen alma. Desde o ponto de vista material, porque xa desde moi antigo non había liquidez: o pouco diñeiro en efectivo que entraba era o que viña de vender algúns produtos ou algún gado nas feiras, e logo chegou o día en que nen o de plantar nen o de ter vacas pagaba a pena porque as ventas non cubrían o gasto. O único que daba algúns cartos naqueles últimos anos de vida das aldeas era plantar piñeiros e eucaliptos, que os labradores facían malia saberen que aquelas árbores medraban deseguida pero secaban a terra e ardían de contado, como se viu máis adiante. Fixeron mal os labradores que, aínda sabendo as consecuencias, plantaban esas árbores? Fixeron ben, porque para eles non había escolla e tampouco era o gran negocio que foi despois para algúns, senón unha maneira de sobreviver, e porque ninguén lles fixo caso e ninguén quixo escoitar o que dicían. Que habían de saber de nada aqueles pailarocos, comparados cos que tiñan estudos e vivían nas cidades e de costas a aquel campo no que aínda quedaban indíxenas atrasados?

Os que “sabían” aprenderan nos libros e nas conversas de xente culta que o problema do campo galego era o minifundio, e con iso quedaban contentos, sen descubrir mais nada. E a moitos dos que andaban na política esquerdista parecíalles que os labradores votarían sempre á direita por seren conservadores natos e entón mellor que desaparecesen, igual que cando os partidos políticos da esquerda estiveran en contra de que as mulleres puidesen votar porque, segundo eles, votarían á direita.

Por moitas razóns, a aldea galega foi símbolo de atraso e desprezada, un desprezo que conduciu ao final a que os que vivían nela non quixeran seguir e buscaran outras formas de vida con máis futuro. E iso, futuro, é o que tería que haber no campo galego. Porque o que non ten futuro é unha Galiza sen campo e concentrada nas cidades. 

Agora que xa non impera aquel modelo de agricultura intensiva na que todo tiña que ser enorme, habería que pensar nunha agroindustria centrada na calidade e orixinalidade. E para iso toda Galiza tería que estar conectada, non amontoada e desconectada como está agora. A impresión que se ten agora en calquera sitio da Galiza que non sexa unha cidade é de desconexión, de que non hai nen transporte físico nen comunicación tecnolóxica. Galiza tería que estar chea de redes ferroviarias, de navegación e electrónicas para que puidese haber agroindustria e industria de todo tipo. Mais, igual que antes houbo desprezo polo campo, agora semella haber unha especie de desprezo pola industria, e eses dous desprezos teñen a raíz histórica no temor ao traballo produtivo e auténtico que empezou na España da Inquisición, cando traballar virou sinal de non ter o “sangue limpo” e levaba á cadeia e á morrer queimado na fogueira. A idea do traballo como actividade produtiva e criativa desapareceu e a aspiración foi desde aquela non traballar ou ter empregos do Estado, que non eran pecado. Os que traballaran pola súa conta, e pior se era en traballos de facer coas mans como o de traballar na terra, estiveron mal considerados desde aqueles tempos. Pero deixar o campo sen vida quitou tamén vida ás cidades e levou a que Galiza perdera forza, carácter e personalidade.

comentarios