Opinión

Meirás

Din algúns que España é un modelo de democracia. Porén, o de que os herdeiros de Franco podan actuar como se tivesen direito a reter o que o ditador arramplou con abuso e tiranía leva a pensar que esa democracia ten mais de aparencia que de realidade. Se o fan é porque saben que hai moitos interesados en que non perdan poder, talvez para non perdelo eles tamén.

No fondo diso das posesións dos Franco na Galiza hai moitas cuestións importantes. Unha é a da lexitimidade do réxime de Franco. Outra, a de se o franquismo seguiu vivo logo da morte do ditador, disfarzado de democracia. E outra, a da dignidade da Galiza e de se non estaremos vendo o asoballo e o desprezo de sempre dos que pensan que se pode facer con ela o que se quera porque os galegos apandan con todo e non se van revirar contra o aldraxe.

Cando morreu Franco e chegaron os tempos de Transición, moitos dician que todo seguira igual, que eran os mesmos cans con outras coleiras. E todo o que sucedeu parece demostrar que a aparencia de democracia política serviu para tapar o que se buscaba, que era seguir cós negocios trampulleiros, con mais impunidade ainda que antes. España virou o sitio de facer diñeiro, como quedou demostrado có fácil que lle foi facelo ao rei emérito e o doado que lle resultou á Igrexa católica raspuñar propiedades. En tempos de Franco podíase facer, pero había algúns estratos honrados que o dificultaban. Coa democracia e a pertencia á UE, que era certificado de civilización, moral e adianto, podíase facer moito mais diñeiro e amorear cantas propiedades se quixera sen medo a que parecese mal. Nen sequer había que facer nengún esforzo coa economía, como en tempos de Franco. Xa non era como antes: se non había traballo podíase emigrar a calquer país da Unión Europea, que era como andar pola casa, e, se non había cartos, a UE fornecíaos en troques de obediencia aos superiores.

Enténdese que conservar estatuas de Franco no centro das cidades, ou que a tumba del estivera nun sitio prominente, faría sospeitar que o réxime franquista seguía vivo e que os partidarios do ditador seguían mandando. O estraño é que se queran tratar como se fosen legais as adquisicións que fixo Franco valéndose do poder absoluto que conseguira coa ditadura. Compradas ou donadas, foron mal adquiridas, con coerción, imposición ou colusión.

Todo depende de que o réxime de Franco se considere lexítimo ou non. Se foi lexítimo, entón non habería razón para cuestionar a propiedade de Meirás, que correspondería aos Franco por seren herdeiros lexítimos do que se adquirira con toda legalidade. Se non foi lexítimo, e non se ve cómo puido ter lexitimidade un réxime que se impuxo coa forza das armas, con persecucións e matanzas, e traizoando e botando abaixo o goberno e o réxime que escolleran os cidadáns, entón habería que pensar que toda propiedade que adquirira o ditador foi un abuso de poder. E, nese caso, afirmar que habería que pagar aos falsos propietarios os gastos que fixeran mentras desfrutaban da propiedade indebida sería como se a un ladrón que roubara unha casa, e logo gastara nela para usala e tirarlle partido, houbera que pagarlle eses gastos. Mais ben, tanto no caso do ladrón como no da familia Franco, o xusto sería que eles pagaran por todos os anos en que muxiron a vaca e se aproveitaron desas propiedades. 

Tería sido conducta honrada e decente dos Franco deixar as propriedades mal adquiridas que tiñan na Galiza sen que ninguén llo pedira. Que non queran deixalas é unha afronta para Galiza, e habería que facerlles entender que Galiza é moito mais que a leira que dá patacas. E o Estado español tería que entender que permitir aos Franco que se aproveiten do que o ditador andivo arrapiñando, e se comporten como déspotas que teñen direito a todo, é dar lexitimidade ao réxime de Franco. E que se a ditadura franquista foi lexítima, non habería necesidade nengunha de facer unha transición á democracia. De non ser que o que se buscara fora disimular e usar unha aparencia de democracia para protexer a espoliación e pillaxe que impulsara o réxime de Franco. 

Comentarios