Opinión

A loita do patriarcado

O tipo de familia que instauró o patriarcado asentou a idea de que hai superiores e inferiores natos e inculcou mando e submisión. Esa familia inferiorizou as mulleres tirándolles todos os direitos, virándoas xoguetes dos homes e tratándoas como menores de idade permanentes. Nesa familia os homes aprenderon que, para demostrar superioridade, tiñan que ser ¨masculinos¨ e perseguir, desprezar, humillar, odiar, violentar, torturar, anular e matar as mulleres. As mulleres aprenderon que, niso como en tudo, tiñan que apoiar os homes e festexar o que facían.
 
A prostitución, o acoso sexual, a violencia, o desprezo verbal, o de non deixar nunca as mulleres en paz e criticalas e censuralas por todo o que fan, son resultados do patriarcado, mas o que hai que atacar son as causas. Tudos eses fenómenos seguirán existindo, en formas distintas segundo os tempos, mentras non se  entenda de onde veñen e se cure a raíz. E para corrixir esa raíz, as mulleres terían que recoñecer que o patriarcado influíu nelas tanto como nos homes e que elas están tamén ¨patriarcadas¨ e colaboraron co sistema, sobretudo como nais. Aos homes ensináronlles desde sempre, na familia e na sociedade, que a única muller que había que respeitar era a nai de cada un deles. As nais colaboraron niso porque así elas subían de categoría e acadaban poder sobre os fillos varóns, que eran os que contaban. As nais e as mulleres da familia foron as que máis alentaron o desprezo ás mulleres en xeral. Se a eses homes que se sinten con direito a dicer groseirías ás mulleres e sobre as mulleres lles tivesen imbuido respeito a elas, que é como dicer á humanidade, sería case imposível que pensasen e se comportasen como o fan.

As mulleres terían que recoñecer que o patriarcado influíu nelas tanto como nos homes e que elas están tamén ¨patriarcadas¨

E se as nais tivesen defendido as fillas e as demais mulleres, en lugar de se poñeren en contra delas e celebrar os que as maltrataban ou calar, non se tería chegado ao abuso a que se chegou.  

Protestar contra os asasinatos de mulleres ou querer controlar a prostitución vén sendo como pensar que abonda con manifestarse en favor da paz para terminar coa guerra. Tudo iso son síntomas de males que están moi enraigañados na sociedade e que hai que descobrir e analizar para acabar con eles.

Comentarios