Opinión

Lembranzas do Centro Galego da Habana

Eu nunca fun a Cuba, pero o Centro Galego da Habana ten un lugar central e de grande influencia na miña vida. Vin, desde que nacín, pendurado na parede, un Diploma moi bonito, con moito debuxo e ben acabadiño, que o Centro Galego da Habana lle dera ao meu pai. Viver con aquel fermoso Diploma sempre diante estou segura que impulsou a miña imaxinación, mesmo sen eu sabelo, cara terras descoñecidas e exóticas, un mundo aberto no que todo cabía e que tiña que ver coa Galiza: Galiza, Habana e Galego foron palabras que permanecerían xa para sempre unidas na miña mente e no meu sentimento.

Meu pai marchara para Cuba cando tiña dezaseis anos e, como el depois contaba, cunha moeda de ouro, que era o que aforrara traballando co pai del, cosida no pantalón. Logo, cando eu era mociña nova e andaba por Ribadeume, a aldea na que el nacera, dicíanme os de por alá que ¨teu pai marchou porque quixo, porque non estaba conforme co que lle daban polo traballo¨. Recalcaban moito o de que marchara porque quixera, e eu tardei moitos anos en entender o que querían dicer con aquel comentario, ainda que alguns engadían que ¨non tiña falta de marchar¨, é dicer, que non era pobre e podía ter quedado na casa, rica e forte por níveis de aldea galega.  Cantos terán marchado a outras terras para mudar de vida e escapar do destino que tiñan marcado se quedaban nela!  E cantas mulleres terán liscado para non apandar coa vida amarrada e sen ilusión que lles esperaba!

Meu pai marchara para Cuba cando tiña dezaseis anos e, como el depois contaba, cunha moeda de ouro, que era o que aforrara traballando co pai del, cosida no pantalón.

 

Meu pai falaba pouco da sua vida na Habana durante vintecinco anos, pero do que falaba moito, e con grande emoción, era do Centro Galego. Contaba que cando el chegara á Habana había só oito anos que se abolira a escravitude na illa. Debeu de ser un dos primeiros socios do Centro, e alí aprendeu, amais doutras materias, Debuxo, que logo lle valeu para diseñar mobles de encargo na moblería que montou na Coruña.  Dicía, con orgullo, que até pagaban a profesores cubanos para que ensinasen no Centro.

Todo este alimento para a miña conciencia e imaxinación que recibín desde ben pequena levoume a pensar sempre con orgullo e admiración na emigración ás Américas e até a afirmar que cando eu fose maior o que quería era emigrar a América. Para min, aqueles galegos fixeran algo moi adiantado e imaxinativo, inventaran formas de se organizaren en común que trouxeran benestar para eles e para os países aos que foran. E o de que isto non se recoñecese na Galiza sempre me pareceu ruín e cego. Os galegos da emigración ás Américas foron pioneiros do Estado de Benestar, inventárono, na medidas das súas posibilidades, cando ainda non existía en ningures.  Por que aqueles galegos foron capaces de se organizaren tan ben e de seren tan inventivos e decididos fora da Galiza e en cambio dentro están sempre divididos, non se deciden a facer nada distinto e son medraneros e queren que lles marquen o paso?  Será porque, cando saíron, deixaron atrás a estructura excluínte e abafante da típica familia galega, nada aberta, pouco xenerosa e que non quer que ninguén se independice? E se así for, non valería a pena cultivar dentro da Galiza o espírito galego que se liberou fóra?

Comentarios