Opinión

A ideia da Galiza-vítima leva ao erro constante

É útil ver á Galiza como unha vítima sofrida, maltratada, dominada e sen autoestima?  Ou esa interpretación leva á parálise e a negar a realidade e a historia? A historia da Galiza non é moi diferente da de muitos países da Europa.  Nazóns que agora son ricas e adiantadas foron pobres e atrasadas: alemáns, noruegueses, suecos e holandeses emigraron en masa, como os galegos, fuxindo da pobreza e falta de oportunidades dos seus países, e as Américas están cheas dos seus descendentes como están dos descendentes de galegos.  Ainda que fose verdade a teoría de que Galiza é colonia da España, tudo muda, e a colonia de hoxe pode deixar de selo mañá. Non hai mellor exemplo que o dos Estados Unidos, que foron colonia e hoxe son a potencia hexemónica do mundo inteiro.

O forte patriarcado que domina na Galiza, que é o que de verdade a ¨coloniza¨, imbúe unha postura fatalista e familista, de crer que tudo ten que vir do pasado, da ¨familia¨ na que se nasce, e que nada debe mudar para ser fieis a esa familia. O resultado desa crencia é que non se dá mérito a nada do que se fai, nen se fai nada por desenvolver nengun potencial.  Iso leva a recuar e a cair no vicio dun vitimismo que bota sempre a culpa aos demais e fantasea trunfos que non se conseguen porque se nega a realidade e non se procuran solucións. E impón unha ideia negativa e pesimista da Galiza e dos galegos.

O forte patriarcado que domina na Galiza, que é o que de verdade a ¨coloniza¨, imbúe unha postura fatalista e familista

Na cuestión da língua galega, o de ver Galiza como unha vítima que nunca fixo o que queria, funcionou nun grao máximo e levou a muitos erros nos enfoques. A empresa da recuperación da língua, que tería que ser gozosa, virou unha obriga antipática e desalentadora. Non se quixo admitir que a língua levaba muitos séculos perdéndose e que non fora culpa do xeneral Franco nen dos pais rurais que non querían falarlles en galego aos fillos.  Negouse a realidade e partiuse de que todos os galegos querían falar galego, que se non o facían era porque os obrigaran a falar castelán, e que portanto sería facilísimo que recuperasen a língua se se ensinase e ¨normalizase¨.  Cando non resultou así, tampouco se recoñeceu que aí houbera un erro de xuízo, e xurdiu a teoría do auto-ódio, que afincou máis ainda a ideia de que a Galiza e os galegos non valen para nada e adentrou un sentimento de culpabilidade que non tería que existir. Non se admitiu que a maioría dos galegos, incluidos os que ainda falaban galego, non se sentían inclinados a aprender e usar aquela língua que para muitos era do pasado remoto e á que non lle vían xeito nen utilidade. Non se entendeu que era natural que así fose, que iso sucedera con muitas línguas en muitos países, e que o notável era que a língua non morrera nesas condicións e que houbese tanta vontade de conservala. 

Non se admitiu que a maioría dos galegos, incluidos os que ainda falaban galego, non se sentían inclinados a aprender e usar aquela língua que para muitos era do pasado remoto e á que non lle vían xeito nen utilidade

Os que decidiron o que había que facer coa língua galega tampouco entenderon o que sucede cando unha língua se relaciona con outra, e iso levou a interpretar como evolución normal o que era contaxio, contaminación e invasión.  O mesmo proceso que agora está sucedendo có inglés, que se está deixando que o invada todo e até se ve ben que o faga e nen se traduce, é o que sempre se dá nas relacións entre línguas cando unha delas é a que ¨domina¨.  Ese ¨dominio¨ non é porque se impoña pola forza, senon porque a corrente arrasta para ela.  Na arte da tradución ese proceso está moi claro. Para traducir ben hai que lutar contra a corrente e non deixarse arrastar pola língua da que se traduce; hai que saber que esa corrente é moi forte e pugnar para non contaminar e estragar a língua á que se traduce, cando o mais fácil sería deixarse levar. A relación entre línguas é como a relación entre as pesoas ou as nazóns: hai que aplicar principios e criterios, non dogmas, e ten que haber raias que non se pasan e límites que se respeitan para que non haxa absorción, abuso e invasión. 

Na cuestión da língua galega había o problema do mal estado en que se encontraba e o empobrecimento que resultara dos muitos séculos nos que fora quedando cada vez mais descuidada.  Negar a realidade e partir de que estaba en bon estado levou a centrar as discusións en problemas falsos ou mal enfocados, como o de se o galego servía para todo ou non.  O de que unha língua sexa a predominante nunha época, como agora é o inglés, non significa que as outras teñan que desaparecer.  Os alemáns  decidiron conservar e cultivar todas as línguas ou dialectos do país e usar unha, o alto alemán, como língua culta e xeral.  A postura dos cataláns, en cambio, non é coerente porque tamén negan a realidade cando afirman que o catalán serve para todo pero usan o inglés como ¨língua de traballo¨.  Se se conseguise que toda Galiza falase un ¨galego¨ que é unha mezcla desabrida e malsoante de galego e castelán, iso non acordaría a admiración de ninguén nen a situaría nun lugar mais importante.  Se, ao contrario, se conseguise resucitar e cultivar ben unha língua que estaba cuase perdida e morta, iso demostraría unha criatividade e fortaleza pouco comun e muitos o admirarían.  Mas para iso habería que deixar de ver todo en termos de gañar ou perder, renunciar á utopía patriarcal de pensar que, se Galiza falase galego, funcionaría como a familia feliz na que todos nos quereríamos muito e faríamos todo ben e todos nos admirarían, e cultivar a língua en liberdade, con alento, sen metela nunha camisa de forza e tendo en conta que para cultivala con xeito faría falta tempo e ter claro o obxetivo.     

Comentarios