Opinión

Hai que aprender a loitar

Se todo vai quedar en botar a culpa ao pasado e aos de fóra, iso afincará máis fondo aínda a pasividade que non deixa que Galiza vaia adiante e dará a razón aos que sempre pensaron que os galegos son papainas e deixan que os pisen e que pisen a Galiza e se aproveiten dela.

É certo que os galegos non queren nen saben loitar, e iso vénlles da familia galega, que quita os folgos en lugar de infundilos e cultiva a vasalaxe e a adoración polo mando e as autoridades. A familia galega está metida para dentro e abafa o sentimento, e iso dá falta de xenerosidade e de folgaxe para a vida. Obriga a viver nunha especie de miseria espiritual, na que toda loita e esforzo semella inútil e que non paga a pena. 

A historia da Galiza non é tan distinta da dos outros países da Europa. Se os galegos emigraron, tamén emigraron os suecos, os noruegos, os alemáns, os italianos, os irlandeses e moitos outros. Se a Galiza foi tratada como colonia, tampouco tiña que seguir séndoo para sempre. A potencia hexemónica de hoxe, os Estados Unidos de América, naceu colonia e liberouse. E se a lingua galega foi perdéndose e quedando substituída por outra, iso sucedeu todo o tempo en todo o mundo e en todas as épocas: na Irlanda e na Escocia fálase inglés, non gaélico, e en Gales tamén, a pesar do esforzo por recuperar o galés, e ese é un fenómeno comprobadísimo na historia do mundo desde que empezou, o de que as linguas viran importantes ou perden importancia segundo quen domine na política en cada momento.

A historia da Galiza non é tan distinta da dos outros países da Europa. Se os galegos emigraron, tamén emigraron os suecos, os noruegos, os alemáns

Sucedeu co latín, co francés, co español, sucede agora co inglés, e no futuro todos quererán saber a lingua do país que chegue a ir diante dos demais. Pódese loitar contra iso, pero a maneira de facelo non é botando culpas aos dominadores e aos dominados. Se se quer que o galego resucite e non morra, haberá que saber que é unha loita mental e espiritual que non se pode facer tapando a realidade con fantasías e inserindo culpabilidades falsas.

Que os galegos teñen que emigrar e levan moitos anos facéndoo? E que agora non son os pobres e os da aldea os que emigran, senón os universitarios urbanos e de clase superior? E como se explica que nos outros lugares da Europa, nos que tanta emigración houbo no pasado, agora non a haxa e que os galegos (e os españois) teñan que seguir marchando fóra? E non é, como moitos queren pensar, que eses países aos que marchan estean devecendo por ter licenciados españois ou galegos e  se estean aproveitando, porque non teñen falta ningunha deles. O que hai, na España e na Galiza, é falta de traballo, e iso vén de moi atrás na historia. O de que agora todo o mundo teña que ir á universidade non vai facer que haxa máis traballo; o único que traerá será moitos universitarios que non poderán gañarse a vida. E iso xa sucedía no século XVIII, cando eran moi poucos os que tiñan ¨carreira¨. Ese é un dos ¨males de España¨ que non se remedia porque hai moito interese en que a estrutura fundamental siga como sempre, para favorecer as oligarquías. E así seguirá se non se traballa con aferro para cambialo.

Se non se tivera loitado para botar aos Franco de Meirás, seguirían desfrutando do roubado

Se os galegos queren que a Galiza vaia adiante teñen que aprender a loitar e saber o que queren, e tamén o que non queren. Terán que deixar de estar ancorados nun pasado fantasiado e deixar de pensar que hai que ser ¨bons fillos¨ e submeterse e obedecer. O futuro, ou se constrúe, ou será un produto automático no que se repetirán os mesmos padróns e se agrandarán os erros. O que sempre quixeron os sistemas autoritarios foi que todo estivese rexido polo automatismo, para que as elites o teñan todo e os outros se conformen coas migallas. Iso conséguese co medo, sobretudo co de non poder traballar e gañar a vida,  rebaixando, abafando e facendo que non haxa valentía nen espírito de loita. 

Se non se tivera loitado para botar aos Franco de Meirás, seguirían desfrutando do roubado. Se os que loitan  contra a aldraxe da Maruxaina non permiten que os silencien, terminarán vencendo. E se os que protestan contra o asoballo das eólicas que queren espetar pola Galiza toda non se deixan convencer, conseguirán paralo.

Comentarios