Opinión

Desde fóra

Eu sentiría que o BNG non fose capaz de sair desa especie de crise na que semella estar metido xa hai algun tempo

Eu sentiría que o BNG non fose capaz de sair desa especie de crise na que semella estar metido xa hai algun tempo e por iso voume atrever a dar unha opinión moi persoal e desde fóra (en todos os sentidos), coa intención de que poda ser de algunha utilidade.

Para min, os pontos fortes do Bloque foron sempre a seriedade, a honradez e a postura  (coido que sobretudo da UPG)  anti Unión Europeia.   A seriedade ten importancia nun momento en que se está facendo todo o posível para que a política non se tome en sério.  A honradez é un grandísimo mérito cando o que impera é a corrupción desmandada.  E a postura anti Unión Europea é unha orixinalidade dentro dunha esquerda como a europeia que, con grande incoerencia, foi o principal apoio da UE, moito mais que a direita.  É certo que agora que se ve que a Unión Europeia non funciona son moitos os que protestan dela, mas non teñen niso posturas coerentes nen moi creíveis desde o ponto de vista político. Se non estou errada no de que fose a UPG a que se manifestou sempre en contra da UE, debía estar contenta e até orgullosa de ter sido a excepción dentro da esquerda  e mantido unha visión coerente, mas non teño a impresión de que o faga. Todo o BNG semella ir agora ás eleicións disfarzado de lixeiro por medo a que os votantes o rexeiten por serio. O resultado é que os votantes non ven que ofereza nada que teña sustancia abondo como para votalo. Desta vez ademais apresentouse baseándose en que eles eran os mais galegos, os ¨da casa¨, e iso é un calco da típica familia do patriarcado, que tanto dano fai á Galiza, na que hai unha loita por ser os ¨bons fillos¨ que teñen mais direitos que os outros.

Todo o BNG semella ir agora ás eleicións disfarzado de lixeiro por medo a que os votantes o rexeiten por serio   

Ninguén pode apropriarse da Galiza nen pensar que a pode representar mellor que outros. Non pode haber galegos mais galegos que os outros. Poderá haberlos mais capaces, ou mais intelixentes, ou que entendan mellor a Galiza, ou que sintan mais amor por ela, mas iso non os fai mais galegos nen mais competentes  para loitar polo país, nen garante que vaian acertar. A política é para conseguir resultados na práctica.   Definirse como partidarios da independenza da Galiza, por exemplo, non leva automáticamente a ser capaces de facer unha Galiza mais independente. Ao que pode levar é a enguedellarse en discusións pola definición mais correcta, que nunca chegará.¨Eu son mais galego, ou mellor galego, que os outros porque me apunto a unha visión, definición ou proxecto teórico da Galiza¨  é unha actitude de culto relixioso que cre ter acceso a verdades divinas e direito a impolas.   Iso non é política e paraliza.

Pensar políticas educativas, económicas, sociais e de todo tipo que propicien unha Galiza auténtica e dona de sí sería moito mais útil que dar por feito que a isolación trae independenza.     
 

Comentarios