Opinión

Esquerda, xustiza e liberdade

Os problemas da esquerda veñen de interpretar a realidade deixándose levar por ideoloxías e crenzas fervorosas  e dar máis importancia a impor esas crenzas que a procurar xustiza. Acábase sacrificando o que máis habería que defender para gañar, dominar, demostrar e quedar ben, e perdendo o partido por non centrarse no ben común.

Os da Revolución Francesa, como tal, en nome da igualdade e a fraternidade, construíron unha sociedade máis hostil para as mulleres que a de antes. Os anarquistas nunca pensaron que o ¨reparto das mulleres¨, que tan libertador lles parecía, daba licenza aos homes para que usasen as mulleres como seres infrahumanos sen direito nengún. Cando as mulleres pediron o direito ao voto, foi a esquerda a que máis obxetou, por medo a que as mulleres votasen a direita. En tempos recentes, coa moda do políticamente correcto e en nome do respeito ás diferentes culturas, houbo no Reino Unido bandas de homes que puideron apoderarse de rapazas moi novas, violalas, maltratalas, escravizalas e dedicalas á prostitución máis violenta sen que ninguén as defendese, porque os abusadores eran asiáticos e o medo a ser acusado de racismo pesou máis que a xustiza.

Séguese permitindo a mutilación xenital das cativas e as mulleres novas a escala imensa porque se xulga máisi importante demostrar respeito polas culturas e tradicións que a pratican, e tamén porque, para protexer as vítimas da crueldade sistemática inflixida por outras mulleres, habería que recoñecer que as mulleres tamén tiranizan, e iso non o tolera o falso feminismo. A esquerda non quixo que se repartisen anticonceptivos na África porque iso sería ¨imperialista¨ e iría en contra do direito á reprodución a eito, co que se fomentou que as mulleres cargasen con fillos desde moi novas e vivisen, elas e os fillos, na miseria e o atraso. E a esquerda apreséntase como internacionalista, pero impulsa e defende o supranacionalismo da Unión Europea e todos os nacionalismos en grande escala, e acusa de incivilizados os que non o fan.

Os da Revolución Francesa, como tal, en nome da igualdade e a fraternidade, construíron unha sociedade máis hostil para as mulleres que a de antes

 

Que indica todo isto? Que a esquerda política case nunca se centra en buscar a xustiza para todos e as máis das veces actúa como unha igrexa que impón catecismos, cría oligarquías, perde o tempo en definicións e esmaga a liberdade para promover un cesto de crenzas que viran dogmas e desvían do fundamental. Deixouse que o pensamento, o debate e a crítica foran sustituidos polo dogma, a doutrina, a simplificación e a censura. Pero o que pode semellar moi progresista hoxe, mañá poderá parecer retrógrado e abusivo, e o que pode semellar moi libertador talvez parecerá mais adiante despótico e cruel. Ou o que se apresenta como moi feminista pode ter o efeito de acrescentar o machismo. 

Decidir na prática o que traerá xustiza ou liberdade nunca vai ser doado, e por iso habería que pensar, debater e calibrar sabendo que xustiza e liberdade teñen que ir sempre xuntas e que, cando se sacrifica unha delas para ter a outra, as dúas desaparecen.

Comentarios