Opinión

Esquerda, liberalismo e progresismo

A esquerda desprestixiouse e perdeu a confianza da xente por non querer pensar e apontarse a un progresismo automático que non sempre trouxo progreso e moitas veces axudou a que os ricos e poderosos adquirisen máis riqueza e poder. Aínda que haxa que aspirar ao adianto, non é fácil saber o que vai traguer progreso có decorrer do tempo ou vai facer recuar. Acreditar que abonda con ter a verdade ou o principio xusto para acertar é un erro grande, porque, por moi atinados que sexan os principios, levalos á práctica non é doado. Por iso o que ten que facer a política democrática é propiciar que se debatan, con liberdade e sen censura, ideas e maneiras de aplicalas, non principios nen dogmas. Ninguén se vai declarar partidario da guerra, ou da desigualdade, o atraso ou a inxustiza. Todos van defender a paz en principio, ou a igualdade, a xustiza e o progreso. A cuestión é como conseguilos, e iso é o que hai que pensar, e saber que nada é para sempre e que hai que seguir pensando e debatendo. E tamén hai que pensar nas consecuencias do que se fai, a quen vai favorecer e a quen non, en vez de decidir que abonda con impor a ¨verdade¨ para que todo saia ben.

Agora andan xa argallando que se poida votar aos 16 anos, e apreséntase como unha idea progresista e libertadora, pero habería que perguntar a quen vai dar liberdade e para que. En nome da liberdade impúxose o dominio total dos ultra ricos e empobreceuse ao mundo inteiro. A chamada liberdade do mercado valeu para que os que xa tiñan moito puideran esmagar con liberdade total aos demais. E as liberdades que se lles deron aos homes no sistema patriarcal foron a conta da servidume e escravitude das mulleres.

Vai dar liberdade á xente nova, e á sociedade en xeral, que os de dezaseis anos poidan votar? Traerá progreso ou se cadra será un abuso? Se é certo que o cerebro non se desenvolve por completo até arredor dos 25 anos, como parece que está comprovado, apremiar os novos física, mental e psicoloxicamente, e non deixalos madurecer con tranquilidade, tería que considerarse abuso e maltrato. Ninguén pode crer de verdade que os rapaces de 16 anos, en plena adolescencia, van ser capaces de decidir por eles mesmos a quen van votar. Votarán segundo o que escoiten na casa ou o que lles metan na cabeza os que lles conten máis contos. E por que van ter dereito a votar os de 16 anos e non os de catorce, dez ou cinco? Irase argallando para que cada vez haxa máis grupiños aos que manexar con facilidade, na política e noutras cousas, porque o de que a maioría de idade sexa cada vez máis cedo dará máis impunidade aos que abusan dos menores.

A adolescencia é unha parte da vida difícil e delicada, e o que menos necesitan os que están nela é que lles boten enriba responsabilidades que non lles corresponden e os obriguen a facer escollas para as que non poden estar preparados. Nos adolescentes o cerebro, o corpo e os sentimentos están en tránsito e sen saber por onde ir, e hai que axudarlles a que poidan chegar a seren persoas independentes e donas de si, non desorientalos máis do que xa están. O direito que debían ter, e iso é que non lles queren dar os que non os deixan madurecer, é a receber unha boa formación e educación que os equipe para entender a vida e o mundo, e a posibilidade de ter independencia chegado o momento. Esa falsa liberdade que se lles quer dar aos adolescentes é para enganalos, usalos como se fosen un produto que logo se desbota, e non respeitar o seu direito a receber cuidados, proteción e boa formación intelectual e profisional. De que lles vai valer o direito a votar se logo se van encontrar sen futuro, sen traballo e sen posibilidade de ter unha vida independente?

A esquerda erra e non cumpre co que debía ser cando se deixa ir e non pensa. O que traería liberdade e progreso para todos sería acabar co analfabetismo político e económico do que se aproveitan os que manexan a economía e a política para infantilizar e dominar. Sen esa ignorancia sería moito máis difícil argallar, enganar e usar argumentos falsos.

Comentarios