Opinión

Electricidade

Entre as cousas que máis beneficio trouxeron para a sociedade destacaría seguramente a creación do sistema de coidados médicos para todos e pensións públicas. E non foi doado de conseguir. Houbo que argumentar que, se era posíbel ordenar para a guerra, poderíase tamén ordenar para a paz. Houbo os que pensaban que tal tarefa sería imposíbel e houbo os que non querían un sistema que quitase poder ás elites, ao eliminar o medo á ruína económica que viña coa doenza e á vellez sen diñeiro. E esa conquista, non habería que facela en outras cousas? No uso da electricidade, como tal? De quen debería ser? Propiedade privada, do Estado? Ou propiedade de todos?

Porque do que habería que saír é do autoritarismo que caracterizou a política, de dereita e de esquerda, e partir de que hai algúns bens que terían que ser de todos e para todos os habitantes da terra, e un deles é a electricidade.

O que se ve claro é que a división entre capitalismo e comunismo, entre o público e o privado, que caracterizou a política do século pasado, e que segue neste, foi máis aparente que real e que, no final de contas, os dous bandos inimigos actuaron case igual: houbo ditaduras nun lado e no outro, e nun lado e no outro houbo despotismo e gobernaron as elites, que acumularon poder e riqueza para elas valéndose de distintos "catecismos". Os dous bandos actuaron como dúas grandes mafias que se repartiron o territorio para que os capos e as oligarquías viviran moi ben e a outra xente pagara por todo e vivira mal. Os dous prometeron o paraíso, un se o mercado "libre" mandaba en todo e o outro se o Estado mandaba en todo tamén. E os que de verdade mandaron foron os que manexaron o mercado e o Estado para proveito de moi poucos e empobrecemento da maioría.

A electricidade é un ben tan importante que debería ser de todos, desde a produción até o uso final. Pero coa beatería da salvación do planeta estase conseguindo que os que queren facer grandes fortunas non teñan nin que investir para montar as novas empresas, porque o investimento farano os contribuíntes, que logo terán que pagar outra vez para usar a enerxía que os outros lles venderán moi cara. 

A electricidade, veña de onde veña, vaise utilizar cada día máis. Os avances tecnolóxicos farán que de aquí a pouco os avións funcionen con electricidade e os barcos tamén. O capital e os mercados están convencidos de que o negocio futuro está nela e non hai necesidade ningunha de convencelos pintando futuros apocalípticos. Por iso este é o momento de pensar se os que pagan, os contribuíntes, terían que ser os donos auténticos e os principais beneficiarios, ou se, coma sempre, van ter que pagar para que algúns podan facer fortunas e vivan folgados mentres eles viven prexudicados e apertados.

A enerxía tería que ser propiedade dos cidadáns todos e habería que organizar iso como se organizou o estado de benestar, pero sen autoritarismo. Habería que producir electricidade por todos os medios, dando preferencia aos máis eficaces e menos invasivos. Os viraventos que queren chantar pola Galiza toda non funcionan cando non hai vento nin son tan limpos como contan os que fan fortunas con eles, e o estrago que causan supera seguramente o rendemento que producen. Usalos en lugares habitados é anticuado e abusivo. A enerxía nuclear ten grandes vantaxes e mellor sería usala para iso que para aniquilar o planeta; e resulta interesante ver que os mesmos que tan en contra están do uso de centrais nucleares para a produción de electricidade, non se preocupen polo uso desa enerxía para unha guerra que destruiría o mundo e a humanidade nun instante.

A abundancia de produción de enerxía tería que facer que a electricidade fose moi barata ou gratuíta. Ese sería o obxectivo. Conseguilo traería que ninguén tivese que papar frío, que é case peor que pasar fame, e que o comercio, a industria e o transporte floreceran ao poderen usar canta electricidade quixeran. Os únicos que perderían serían os que ambicionasen monopolizar e recadar para eles o que por lóxica, xustiza e democracia tería que ser para todos.  

Comentarios