Opinión

Despois do virus

Acertan os que pensan que o mundo vai mudar radicalmente depois da pandemia? Valerá o virus para decatármonos dos desastres do globalismo, voltaremos á Natureza, seremos máis solidarios e aprenderemos a querérmonos máis uns aos outros? Entraremos nun sistema político e económico menos centrado no diñeiro e no crecimento sen fin? Dedicaremos máis cartos aos sistemas de sanidade pública? Descobriremos o moito que nos estaban enganando os que mandan e que todo era máis precario do que parecía? Pasaralle a China por diante aos Estados Unidos e virará a nazón hexemónica?

Os apocalípticos ven vir o fin do mundo e algúns utópicos pensan que este sería o momento de deixarnos de lerias nazonalistas e estabelecer o supragoberno que mande en toda a terra, e así solucionaríanse os problemas todos, non se ve ben por que, porque, se xa é difícil abondo que os gobernos nacionais o fagan ben, que razón hai para acreditar que un goberno mundial o faría mellor?

Sen apocalipses e sen utopías, habería que aproveitar a pandemia para ver o que está sucedendo e o que debera cambiar. Porque, se non se fai, todo seguirá igual ou moito peor. Cando foi a crise económica de 2008 moitos pensaron que cambiaría o mundo: era imposíbel non ver que o sistema político-económico estaba manexado por cobizosos, xogadores, tolos e desvergoñados, mais o que pasou foi que as elites culpábeis gañaron coa crise e que os que perderon e tiveron que apandar coa austeridade foron os de sempre, os que non se podían defender.

O primeiro que habería que ver é o de que a pandemia fose considerada unha guerra, porque as guerras valen sempre para amputar, da noite para a mañá, as liberdades civís e os direitos humanos fundamentais cunha retórica de deber, solidariedade e sacrificio, e para substituír a democracia pola tiranía e por estados policiais. Hai cousas que non habería que permitir que se esqueceran: que a crise foi causada en gradísima parte porque os sistemas de sanidade, onde os había, foran recortados até deixalos sen case nada, e que a idolatría do diñeiro que imperou nestas derradeiras décadas trouxo que se desprezasen todos os traballos que non fosen para facer cartos a eito. Os ¨herois¨ de agora, mentres dure a guerra, eran antes os pailocos aparvallados que non se dedicaban a xogar coas finanzas e, se non hai as vacinas e medicamentos precisos é porque os gobernos non quixeron dedicar fondos á investigación porque non rendía e non era produtivo.

E hai a cuestión do poder que acadaron tamén nestas últimas décadas as institucións e os expertos. Sería moi útil romper esa veneración polas institucións que as viran centros de poder absoluto ao servizo dos que pagan. As institucións en xeral non terminan rexidas polos mellores, senón polos piores, porque os sagaces utilízanas para escalar e chegar ao poder finxindo unha devoción pola causa que non senten. Iso permítese habitualmente e non se somete a crítica e escrutinio. E, contra o que moitos cren, as institucións internacionais, que se pensa que teñen que ser máis serias, son as menos serias de todas e ás que van parar os que menos valen. Na crise de 2008 resaltou que os expertos en economía estaban cegos e non vían o que un cativo de dez anos vería, e que nen as contas mais elementais sabían facer, a pesares de que apresentaban a economía como unha ciencia exacta que probaba que o mercado era intelixente e racional e funcionaba de xeito matemático. Agora, nesta crise do virus, os que mandan en nome da ciencia son institucións políticas ás que habería que pedir contas.

Os que tomaron as decisións de pechar os países e destruír a economía, ou os que estiveron de acordo con iso, tiñan asegurados os salarios e as pensións. Terían tomado as mesmas decisións se quedaran, como quedaron tantos e quedarán moitos máis, sen medio de vida? E logo que por unha vez, se cadra, aínda se podería reviver a economía un pouco, pero que sucederá se vén outro virus? Haberá mortos de fame e de miseria, de depresión e de desespero, suicidios, violencia, doenzas mentais. Contarán, haberá estatísticas todos os días, ou a eses non se lles fará caso?

Comentarios