Opinión

Despatriarcar as etapas da vida na Galiza

A maneira patriarcada e negativa en que se entenden as etapas da vida na Galiza anula o potencial  de cada unha delas e paraliza o país.

Aos cativos non se lles fai caso porque teñen que aprender.  Mas tamén os maiores teñen que seguir aprendendo toda a vida e entender que o mundo está mudando sempre. Facer que os cativos se adapten só ao que xa hai é domalos, non educalos, e debilita o futuro do país.

Á mocidade non se lle ten respeito. Os maiores envexan esa xuventude que eles pensan que podían ter aproveitado mellor: "Quen me dera a min con eses anos e a vida por diante. Felices eles!". Non se admite que na mocidade hai motivos de ansiedade, anguria e depresión, e que é moi difícil chegar a coñecerse a un mesmo e facer unha vida que valla a pena. A xente nova vive obrigada a facer estudos desaxeitados e con medo de non atopar logo traballo. Poucas veces pode escoller e encontrar contento.  E iso amortece a criatividade.

A única idade que se respeita é a do meio, pero só cando os que están nesa etapa chegaron a ser importantes e conseguiron unha boa colocación, influencia, categoría e cartos. Mas como os que ¨trunfan¨ non teñen en xeral gosto nen amor polo que fan, viven unha vida en aparencia boa, pero que non dá contento e cría desánimo, resentimento e envexa. Os "trunfadores" forman o corpo fundamental da Galiza paralizada, negativa, pasiva e apartadiza.

Os "trunfadores" forman o corpo fundamental da Galiza paralizada, negativa, pasiva e apartadiza

E logo vén a etapa da vellez.  Dase por feito que nesas idades as faculdades xa se perderon.  Mas na Galiza as faculdades pérdense moi cedo, porque ven axiña o desalento que non as deixa frorecer.

O que falta é darlle sentido á vida. A vida non pode ter sentido se non se aspira a chegar á vellez tendo acadada independencia, liberdade e mestría, e puidendo aportar tanto ou mais que nos anos mozos.  Na vellez pódese ter máis forza espiritual e moral, e mais visión, entendimento e contento que na mocidade. Pero se non se potencian todas as idades e etapas da vida, a vellez será a culminación dunha vida frustrada de descontento e submisión. Na Galiza non hai un ideal de independencia e de que cada persoa poda desenvolver seu potencial, e por iso pérdese axiña o vigor da mocidade e non se adquire a forza espiritual que tería que ir medrando ao longo da vida e funcionar ao máximo na maturidade e na vellez.  Iso dá unha Galiza feble, vencida, sen sabedoría e na que se entra moi cedo nunha decadencia que empeza cando nos anos mozos hai que renunciar a facer a propria vida. Por iso hai que despatriarcar e impedir que todos eses automatismos sigan funcionando e estragando as posibilidades e o futuro do país.
 

Comentarios