Opinión

Desherdar os fillos

Semella que un dos efectos da pandemia é que moitos pais e nais queren que a lei permita desherdar os fillos. Alegan que, visto que os fillos non coidaron ben deles, debían ter o dereito a deixalos sen herdanza. O asunto é importante porque ten que ver con quen manda na familia e a quen corresponde a propiedade. Até hai moi pouco as muller e os fillos eran propiedade do varón en todas as sociedades, e aínda é así en moitas. E, se os fillos nacen sen dereito ningún, quere dicir que todos, mulleres e homes, nacen escravos. Para a Galiza sería esencial que se analizase todo iso, dado que o forte autoritarismo da familia galega e a relación dominadora e impositiva dos pais cos fillos é o que explica que nunca cambie nada e que os galegos estean sempre divididos. 

No sistema autoritario é un deber ter fillos, para entregalos aos deuses, á familia e á patria 

No sistema de familia que está no fondo de moitas das desigualdades e inxustizas que non deberan existir, os fillos son para os pais e non os pais para os fillos. Os fillos nacen coa carga dos pais e endebedados con eles, e insírese neles un sentimento de culpabilidade que os aprisiona e que lles quita folgos. No sistema autoritario que se impuxo no mundo, que empeza na familia para logo se copiar en todas as estruturas da sociedade, os mais vellos teñen dereito a exixir obediencia e submisión dos mais novos. Iso leva a que todos, mulleres e homes, nazan prisioneiros e só poidan liberarse conseguindo mando sobre outros, porque o poder repártese entre as autoridades, as familiares primeiro e as outras despois. Ese sistema de amos e escravos, de mando e submisión, apréndese na familia. Montar logo ditaduras políticas e económicas é moi doado, porque a idea de que os que chegan a ter autoridade poden exixir sen dar nada está xa inserida desde a familia e parece o normal.

No sistema autoritario é un deber ter fillos, para entregalos aos deuses, á familia e á patria. Os varóns teñen que telos para dar continuidade á familia transmitindo o apelido, e as mulleres porque sen iso non cumprirían a súa vocación e serían mulleres a medias. O sistema usou todas as relixións e crenzas filosóficas para impor esas ideas e para que o mundo se enchese de escravos e xentes sobrantes e os amos tivesen abondo onde escoller. Había que reproducirse a eito e sen control, e as igrexas todas colaboraron nesa empresa que tanto dano causou asegurando, sen fundamento ningún, que era decreto divino.

Ese tipo de familia produce inmobilismo e atraso. Ao estar centrada nos mais vellos e no pasado, non deixa ir para adiante e corta o futuro. Os máis novos teñen que someterse. Para que soñar cun futuro se ao cabo o que vai seguir sempre é a dependencia e o de non poderse mover porque hai que coidar dos pais? E por “coidar” hai que entender deixarse dominar e manexar por eles. Nese sistema de familia hai que dar a razón sempre aos “vellos”, ás autoridades, mimalos e adoralos, e, como o mimo estraga sempre, os máis vellos viran tiranos caprichosos e egoístas que nunca están contentos. O de que os anos traen sabedoría é un conto. Poderán traela se se usan para aprender. Cando se usan para dominar, exixir e non querer que nada cambie, o que se acumula son erros e desacertos.

Para que soñar cun futuro se ao cabo o que vai seguir sempre é a dependencia

O xusto sería que os fillos nacesen con dereitos e que o patrimonio da familia lles correspondera sen que o tiveran que gañar. O outro é como cando, non hai tanto tempo, os reis e os que mandaban nos países podían vender, chambar ou regalar partes do territorio partindo de que eran propiedade deles e podían facer o que quixeran. O de que se poida deixar aos fillos sen nada, ou deixar a cada un deles o que lles pete aos pais, é un inmenso abuso que non debía estar consentido e que espalla inxustiza e malquerenza na sociedade. Porque, ou se pensa que son os deuses os que envían os fillos e que os pais fan un sacrificio aceptándoos, ou habería que recoñecer que facer fillos non é difícil e que, se non hai mais que iso, o mérito non é moito. E que é peor que a trata de escravos o de que se impuxese un sistema de familia no que os fillos son propiedade dos pais e obxectos que poderán usar e descartar como eles escollan.

Comentarios