Opinión

Democracia

Todo o mundo concordaría seguramente en que a democracia está vinculada á liberdade. Pero liberdade de quen, como e para qué? Conseguir a liberdade de todos non é doado. A historia do mundo e da humanidade foi autoritaria e iso leva a que moitos queiran seguir có autoritarismo e a división entre superiores e inferiores natos. Houbo sempre os que mandaron e conquistaron, e os que tiveron que baixar o lombo e obedecer. Os ¨superiores¨ tiveron as liberdades todas e os ¨inferiores¨ nengunha. E o problema é que os sistemas autoritarios, ao impediren a liberdade e a independencia, infantilizan e insiren o gusto pola dependencia. Chegar a ser libre non é doado, nen para cada persoa nen para a sociedade. Pode resultar mais cómodo deixarse  levar e ter a quen botar as culpas de todo que aceitar responsabilidade e o traballo de facerse a un mesmo e construír a sociedade na que se vive. E, tamén, que non se pode acadar a liberdade sen desfacerse de erros e automatismos e, para iso, primeiro hai que querelos ver e logo querelos corrixir.

A democracia favorece e impulsa a criatividade humana. Pero a liberdade non pode ser só para algúns e non para outros, porque entón vira abuso e non lle fai ben, nen ao que ten de menos, nen ao que ten de mais.  Por iso non se pode ser libre se non se é xusto, e iso aplícase tanto a cada persoa como aos países. E exemplo moi claro de que non pode haber liberdade sen xustiza nen xustiza sen liberdade, e de que cando se anula unha en nome da outra nengunha das dúas funciona, está na política mundial do século pasado.

No século XX o mundo dividiuse en dous grandes blocos políticos: o capitalista e o comunista, un de direita e outro de esquerda. Os países capitalistas, en nome da liberdade, obstruíron a xustiza, e os comunistas, en nome da xustiza, obstruíron a liberdade. O bando da direita fixo todo o posíbel por darlles ás elites mais liberdade aínda da que xa tiñan para que puideran acadar mais diñeiro e poder, e o da esquerda fixo igual e criou oligarquías que viviron moi ben mentres forzaban aos demais a que traballaran para elas e se submeteran en corpo e alma. Os dous blocos actuaron dun xeito ¨relixioso¨ e usaron da ¨doutrina¨ para asegurar o poder e a riqueza dos ¨escollidos¨.

E iso segue hoxe. A direita e a esquerda axudan a que os ricos sexan cada vez mais ricos e podan aproveitarse das crises todas para facer mais diñeiro e acadar mais poder. Os votantes van dunha a outra esperando que algunhas delas faga política democrática e séntense igual de defraudados polas dúas.

Para cultivar a democracia o fundamental é que haxa información, e para iso é preciso o debate continuo. E para que haxa debate auténtico habería que partir de que a política ten que ser para todos e que non pode haber o direito a censurar ou eliminar o que a un non lle gusta ou non lle parece ben. E sería importante recoñecer que ninguén pode ter o direito a impor, forzar, instituír ou ditar, que o que hai que facer é argumentar e razoar, con liberdade e oportunidade para facelo, e deixar que a xente poda ver a complexidade dos problemas e que non a traten como se fose menor de idade eterna e lle oculten a verdade.

A esquerda e a direita política buscaron en xeral o poder e o mando e usaron dogmas para ditar ás ¨masas¨ o que tiñan que pensar, dicer e facer. As dúas acalaron a oposición a eses dogmas acusando aos que non os acataran de brutos, ignorantes e incivilizados, pero o democrático terá que ser sempre poder defender e explicar crenzas que non estean de acordo cós catecismos políticos ou as opinións de moda. E ¨marcar¨ e ¨rotular¨ é unha maneira de impedir o razoamento e o debate e, portanto, a liberdade e a xustiza.  O que fan as ditaduras é impor doutrinas e camiños pechados. Non pode ser democrático querer impor unha doutrina mais ¨verdadeira¨ ou mais ¨xusta¨ eliminando a oposición. Impedir o debate acusando de racismo, ou machismo, ou fascismo ou negacionismo ou calquera outra cousa non deixa que haxa información e leva as causas todas por onde queren os que mandan nelas, que non sempre é por onde debían ir.

Comentarios