Opinión

Cando a xente moza se suicida

Visto que hai tanta xente moza que se suicida, tería que ser urxente prantexar a cuestión de por qué sucede iso, dado que sempre se pensa que a mocedade é a mellor época da vida e a mais desexável.  Será que ser xoven é muito mais difícil do que a sociedade quer pensar?  Mesmo porque  na mocedade ¨tense a vida toda por diante¨, como din, con envexa case sempre, os maiores, non é fácil saber o que se quererá facer con esa vida cando un ainda non sabe ben quen é, nen o que vai atopar na viaxe. 

Canto mais forte é o patriarcado nunha sociedade, e na Galiza ten moita forza, mais a xente moza vese obrigada a ir polos camiños que marcan a familia e a sociedade, e a estudar e traballar no que lle foi dictado.  Non se sinte con direito a escoller, nen encontra tampouco as opcións que precisaría para podelo facer, e renuncia moi cedo a construir a súa propria vida. Iso pode funcionar até certo ponto, cando menos en apariencia, se hai algunhas ¨saídas¨ aseguradas.  Mas o sistema desmorónase cando non hai traballo e a xente nova atópase sen futuro, cunha vida sen horizontes e pechada, condeada á dependencia eterna e sen poder ser nada nen chegar a nada. Ou submetida  a unha presión cruel e incesante para que faga estudos desaxeitados que non levan a ningures.  É lóxico que muitos non se sintan con forzas para esa vida e non a queran e se suiciden. Pior ainda porque saben que a marxen é moi escasa e que, se non conseguen traballo de novos, logo será imposível porque a sociedade non o permite. 

Non é fácil saber o que se quererá facer con esa vida cando un ainda non sabe ben quen é, nen o que vai atopar na viaxe

Habería que quebrar ese sistema autoritario-patriarcal de maltrato da xente nova e de falta de respeito ao ser humano. Non é que teña que haber traballo para que a xuventude non emigre. É que ten que haber traballo, para os xovens e para os que deixaron de selo, porque sen iso a vida é unha carga inaturável, e ter traballo digno é un direito que nen habería que pedir.

Comentarios