mércores 27/10/21

Cambio climático e doutrinamento

De que o clima está cambiando non hai dúbida. Pero o clima semella ter cambiado sempre, desde o comezo do mundo. O que é novo desta vez é que se lle bote a culpa do cambio aos humanos e non á natureza. E aí é onde debía haber moito máis argumentación e debate do que hai, tendo en conta que as crises, verdadeiras ou provocadas, valen para que algúns se aproveiten e acumulen fortuna e poder. Hai moito empeño en que ninguén se desvíe do relato de pecadosos e virtuosos que se construíu arredor do clima, moi semellante ao que se constrúe arredor das guerras.

Hai un manexo do medo e da culpabilidade que non é nada democrático e que é o que sempre se usou para tiranizar e impor desigualdade e inxustiza. Podería ser que todo estea encamiñado a que os ricos se fagan máis ricos e os demais queden sen nada. E para que a vida das mulleres correntes, non das "triunfadoras", vire cada vez máis difícil.

E para que paguen pola "revolución" os que menos poden, e os que máis se aproveiten non paguen por nada. Como o van conseguir, ou xa o están conseguindo? Cun uso feroz da propaganda e da coacción, impedindo o debate e premendo para que das universidades só podan saír traballos que vaian por onde eles queren e que non se piodan publicar estudos que atribúan o cambio de clima a outras causas. E na política, arredor da "catástrofe climática"  viuse unha direita que pensaba no diñeiro e os negocios que algúns poderían facer, e unha esquerda que colaborou aportando beatería e impedindo o entendimento.

Por que se fala da contaminación que causan os autos e os avións e case non se fala da que ocasiona a fabricación dos autos eléctricos ou das turbinas eólicas? Pode ser que as vacas contaminen moito, pero tamén pode haber grande interese en substituír a cría de gado por cultivos que dan moito máis diñeiro ás multinacionais e contaminan máis tamén. E cando se fala, para quedar ben, de que os países máis ricos paguen polos máis pobres, van ser os ricos deses países os que paguen, ou van pagar os que menos poden? Estase escoitando o que poderían dicer os traballadores, ou as mulleres correntes, ou as empresas pequenas que teñen que pagar por todo? Non contaminarán nada ese paseos que dan os mega ricos polo espazo? E centrarse nos viraventos como fonte de enerxía eléctrica, en lugar de idear unha política de ben común, levou a non facer reservas e que agora non haxa electricidade abondo.

Os ricos, e os que aspiran a selo, queren un mundo exclusivo para eles no que non teñan que repartir nen compartir nada cós que non son da elite. O que queren é seren eles o únicos que poidan viaxar en avión o andar en auto polas estradas, e o de que a electricidade e outros bens públicos viren carísimos, mellor para eles porque así serán os únicos que os usen.

Haberá poucos que non estean de acordo en que hai que contaminar menos e limpar máis, pero o democrático sería debater como facelo e non permitir a chantaxe emocional e que o asunto vire dogma relixioso e doutrina tiránica. O que leva a desconfiar é  o entusiasmo dos ricos e poderosos pola defensa do planeta e o de que non se fale para nada do que máis dano fai, que é o exceso de poboación. Iso iría en contra do ditado patriarcal e autoritario de que hai que encher o mundo e facer fillos a eito, e nen a direita nen a esquerda política atreveríanse a facelo: a direita porque aos ricos convenlles que moitos non poidan encontrar traballo, e a esquerda porque pensa que eses temas son atrasados.

Na reunión cimeira sobre o clima que vai haber en Glasgow verase, máis unha vez, un exemplo de contaminación feita polos grandes da política e dos negocios, e polos "guerreiros" climáticos, moi ben pagos tamén. Os "grandes" acudirán nos seus autos e avións con todo luxo de equipo e escolta, gastaranse moitísimos millóns na seguridade deles mentres os cidadáns que pagarán por todo quedarán desprotexidos e fixaranse metas de santidade climática sabendo que non se van cumprir. E do que non parece que vaian falar é do que contaminan as armas, as probas que se fan con elas e as guerras.

Cambio climático e doutrinamento
comentarios