Opinión

Os británicos escolleron o Brexit

Oque trunfou nas recentes eleicións británicas foi a vontade da xente fronte ás elites políticas e culturais e os medios de comunicación que, con moi poucas excepcións, fixeron canto puideron para que non se respeitase o resultado do referendo en favor de sair da Unión Europeia. A xente non fixo caso nen da prensa, nen da televisión, nen dos famosos, nen das redes sociais, e confirmou que non se arrepentira de ter votado polo Brexit e que quería a independencia.

O Brexit comezou hai moitos anos cando xurdiu o UKIP, o partido que quería que o Reino Unido se independizase da UE e foi atraendo os que non estaban conformes co que vían como a ditadura de Bruxelas. Iso foi o que levou a que David Cameron convocase o referendo de 2016, para librarse, coidou el, do que constituía unha ameaza cada vez máis grande para o partido Conservador. Fíxoo convencido, como el proprio dixo máis adiante, de que o resultado do referendo sería contundente en favor de seguir na Unión Europeia. Ás elites non lles entraba na cabeza que puidera ser doutro xeito e que a xente puidera ter outras ideias. Pero resultou que a xente, sobretudo a clase traballadora, votou polo Brexit, e as elites reacionaron dunha maneira tan antidemocrática e depreciativa dos que, segundo elas, non se enteiraran do que facían porque non entenderan e se deixaran enganar, que iso levou a que, case catro anos depois do referendo, os votantes demostrasen nestas eleizóns o aburridos que estaban da actitude antidemocrática dos deputados no Parlamento e borraran do mapa político a todos os que os atraizoaran e insultaran afirmando que os que votaran polo Brexit eran ignorantes, retardados, xenófobos, imperialistas, vellos e pailáns.

Toda a elite liberal e benpensante quedou sen saber reacionar diante do resultado das eleizóns, que tumbou a orden estabelecida. Porque foi notábel tamén ver que un partido de direita, o Conservador, conectara coa xente corrente e o partido de esquerda, o Laborista, non conectara para nada.

Falar de elites leva case automaticamente a pensar na direita, pero hai unha elite de esquerda que impón modas de pensamento "liberal" e que no fondo axuda aos ricos e poderosos facilitándolles "ética" e "virtude" para disimular os abusos. Houbo tempos en que o de levar a relixión á política era cousa das direitas, porque as esquerdas eran ateas, agnósticas ou polo menos partidarias do laicismo. Mais nalgún momento a esquerda empezou a pensar e actuar de maneira relixiosa, aínda que oficialmente fose atea, e a substituír o pensamento pola doutrina, o dogma e a censura. Virou unha institución eclesiástica que se atribuíu o direito a impor a doutrina do deus verdadeiro e a eliminar calquer cuestionamento do seu catecismo. Igual que as igrexas cristiás se valeron da superioridade moral que lles outorgaba estar do lado dos pobres para procuraren riqueza e poder, a institución da esquerda liberal, valéndose da superioridade que lle daba estar do lado do povo e dos desfavorecidos, virou unha elite e creuse co direito a ditarlle á xente o que tiña que pensar e sentir.

No caso do Brexit, a doutrina da esquerda elitista foi apresentar como internacionalismo fraternal o apoio a unha institución supranacional e centralizadora como é a Unión Europeia e santificala como a familia ideal da que só podían querer saír os irracionais e os insolidarios. O partido Laborista actuou con elitismo ao desprezar á clase traballadora e aos do Norte do país, que foran os que máis o votaran sempre, polo que moitos que nunca na vida votaran polo partido Conservador, desta vez fixérono. Non respeitou o sentir e a vontade dun povo que quería ser independente, actuou con soberba e dun xeito antidemocrático, e pagouno co fracaso máis grande da súa historia. O que se viu nas eleizóns británicas foron unhas elites conformes co statu quo, pasivas, gregarias e de pensamento en grupo, e un povo con carácter, inconformista, dinámico e destemido que non quería que o tutelasen, nen dentro nen fóra, que non tiña medo ao descoñecido e que votou pola independencia e a liberdade.

Comentarios