Opinión

Brexit e as elecciós no Reino Unido

Nun ambiente de frustración e desgosto cos políticos, haberá eleiciós o doce de decembro no Reino Unido, data pouco axeitada por estar xa moi perto do Nadal e polo difícil que será facer a campaña eleitoral nun mes no que escurece tan cedo. Hai acordo xeral en que os resultados destas eleiciós son mais difíceis de prever que nunca, pola mestura dos asuntos habituais có do Brexit.

Van xa case catro anos desde o referendo no que gañaron os partidarios de saír da Unión Europeia e aínda non se deu saído. Os que querían quedar na Unión Europeia non pararon de pór impedimentos, axudados pola incompetencia e indecisión do goberno da Theresa May, a quen tampouco lle chamaba o Brexit ainda que dixera defendelo.

Votarán polo goberno do Boris Johnson os que queren o Brexit e tamén, se cadra, algúns que, malia teren preferido seguir na Unión Europeia, quedaron aburridos das táticas de boicote dos parlamentares e queren sair da imobilizazón. O partido Laborista é probábel que leve unha malleira, sobretudo no Norte da Inglaterra, onde a clase traballadora, que foi a que mais votou polo Brexit,síntese traicioada por ese partido que virou europeísta.

Para os que non queran votar por un partido de direita pero apoien o Brexit, non vai ser doado. O partido Liberal-Demócrata serviu moitas veces de refuxio para os que non querían votar nen polo partido Conservador nen polo Laborista, pero agora radicalizouse en favor da Unión Europeia e di que quer que se cancele o Brexit. Será interesante ver o que sucede na Escócia, onde alguns que votarían polo partido independentista, se cadra votarán por un partido que prometa o Brexit.

O segundo referendo que queren os partidarios de seguir na Unión Europeia, dicindo que os que votaran polo Brexit non se enteiraran ben do que facian, o único que traería sería mais demora e paralizazón. Mesmo se o resultado fose distinto, por qué había de valer mais o segundo que o primeiro? Habería que convocar un terceiro, e logo un cuarto e así sen parar. Todo semella indicar que agora, nestas eleiciós de decembro, se verá con claridade se os británicos queren sair da Unión Europeia ou quedar nela.

Comentarios