Opinión

Brexit e os políticos

Os votantes británicos perderon a confianza nos políticos cando, no 2009, xurdiu o escándalo dos gastos parlamentares, logo de que alguns xornalistas pediran detalles deses gastos en virtude da Lei de liberdade de información. Daquela o Parlamento argallou canto puido para non fornecelos, e talvez tería conseguido tapar o asunto se non fose porque a información chegou ao xornal The Daily Telegraph, que a publicou sen permiso e en varias veces. As consecuencias foron imensas cando se foron descobrindo as trampulladas que facían os políticos e cómo muxían a vaca do diñeiro público para gastos personais e inxustificábeis. O público non o esqueceu e nunca mais volveu a confiar nos políticos que dicían representalo.

O que está acontecendo có Brexit escandaliza tamén aos votantes, que o que viron desde o referendo en favor da saída do Reino Unido da Unión Europeia foi uns deputados que desprezaban o sentir da xente e argallaban seguido para non facer caso do resultado. Non axudou tampouco o de que o plan que apresentou Theresa May  parecese un amaño dictado por Bruxelas para que o Reino Unido non se pudiese desamarrar nunca.

É case seguro que nas eleicións europeias os votantes aproveitarán para facerlles ver aos seus ¨representantes¨o que pensan deles, como fixeron nas recentes eleicións municipais, nas que os dous partidos grandes levaron unha malleira e quedaron lambendo as feridas

E, de súpeto, xurdiron dous elementos novos cós que non se contaba: o novo partido Brexit do Nigel Farage, e o de ter que facer eleicións europeas polo retraso do Brexit. Nengunha desas novidades pódelle dar gusto aos deputados no Parlamento: o partido Brexit xa está atraindo a políticos aborrecidos da falta de ética e coerencia dos seus partidos, e mesmo a alguns que, ainda que non fosen partidarios de que o país saíse da Unión Europeia, xulgan antidemocrático non respeitar o resultado do referendo. É case seguro que nas eleicións europeias os votantes aproveitarán para facerlles ver aos seus ¨representantes¨o que pensan deles, como fixeron nas recentes eleicións municipais, nas que os dous partidos grandes levaron unha malleira e quedaron lambendo as feridas. O partido conservador sabía que os votantes castigaríano, pero non contaba con que o desafeto fose tan grande, e o partido laborista, que aspiraba a que se convocasen eleicións xerais convencidísimo de que as gañaría e pararía o brexit, atopouse tamén con que os votantes non pensaban igual.

Será interesante ver o que sucede, logo desta segunda perda de confianza nuns políticos chatados de cobiceiros e empoleirados desde o escándalo dos gastos parlamentares.

Comentarios