Opinión

Emigrantes retornadas. Que lado escoller?

Mira ao teu redor, na túa parentela, na veciñanza. Seguro que xa viches algunha persoa que estivo emigrada. Agora fítalle ben á cara. Búscalle parecidos. Verdade que non lle atopaches ningunha semellanza con Bárcenas, nin co conselleiro delegado de ningunha corporación do IBEX35. Daquela non son estas as persoas autoras da fraude fiscal masiva. 

Mira ao teu redor, na túa parentela, na veciñanza. Seguro que xa viches algunha persoa que estivo emigrada. Agora fítalle ben á cara. Búscalle parecidos. Verdade que non lle atopaches ningunha semellanza con Bárcenas, nin co conselleiro delegado de ningunha corporación do IBEX35. Daquela non son estas as persoas autoras da fraude fiscal masiva. 

"Máis dun ano levan os e as pensionistas emigrantes retornadas defendéndose. A eles si que lles rouban. Roubáronlles primeiro a terra, a familia, e agora os seus cartos e incluso a súa presunción de inocencia"

Isto que a calquera galega nos levou apenas uns minutos ao Partido Popular custoulle máis dun ano. Está claro que teñen grandes dificultades para identificar aos que rouban, por moito que compartan moitas trazas de ADN.

Máis dun ano levan aldraxando aos e ás emigrantes retornadas tratándoos de defraudadores fiscais. Impoñéndolles sancións, recargas e intereses de demora con man de ferro. Facéndolles pagar cartos que non teñen ao aplicarlles con carácter retroactivo unha interpretación da lei mesmo cuestionada por numerosas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Máis dun ano levan os e as pensionistas emigrantes retornadas defendéndose. A eles si que lles rouban. Roubáronlles primeiro a terra, a familia, e agora os seus cartos e incluso a súa presunción de inocencia, tan invocada polos que teñen luvas brancas de deseño. 

Durante este ano puidemos ver os seus rostros defendendo a súa dignidade. O seu estupor porque a mesma facenda que lles informaba de que estaban exentos de tributar as pensións do estranxeiro, agora se ceba cos seus petos con carácter retroactivo de até cinco anos. Un ano manifestando que nunca se negaron a pagar imposto pero que queren facelo na mesma proporción e contía que calquera cidadán. A lei actual discrimínaos impoñéndolles o que poderíamos chamar un “trabuco á emigración” como se esta non fose xa trabuco dabondo.

Tardar, tardou, o Goberno Español en acordar. Tanto me ten que o faga aguilloado pola proximidade das eleccións municipais, pero o que non vou consentirlles, modestamente, é que intenten tomalos, tomarnos, outra vez por parvos. 

"A lei actual discrimínaos impoñéndolles o que poderíamos chamar un “trabuco á emigración” como se esta non fose xa trabuco dabondo".

As  medidas que anunciou o Señor Montoro, coas que Alberto I o Austero apenas tardou minutos en mandar labrar unha medalla que colgar no peito, ogallá andara tan agudo para exercer algunha vez de galego, non extirpan a raíz da inxustiza e discriminación, apenas pasan de mera cosmética. Ben cativo é o servizo de Núñez Feijóo ao país para que teña que apropiarse do esforzo e das mobilizacións das ducias de plataformas e do traballo de miles de mulleres e homes, auténticos artífices e protagonistas deste mínimo avance.

Agora que pasamos dos anuncios propagandísticos á letra impresa en documentos oficiais vemos que só se trata de abrir un período de seis meses para intentar darlle lexitimidade ao espolio. A “regularización” é un recoñecemento de que a aplicación que se lles veu facendo até agora da lei era dubidosa e arbitraria, por iso pretenden lavar a conciencia devolvendo o cobrado por sancións, recargas e xuros.  Isto tampouco repara a inxustiza pero aboa o camiño para seguir loitando.

A norma que pretende aprobar o  Estado non contempla a exención das pensión por invalidez dos emigrantes galegos, cando para o resto dos españois están exentas por lei. Non aplica a interpretación dos tratados bilaterais para evitar a dobre imposición, de numerosas sentenzas xudiciais que declara que non hai que tributar polas pensións públicas procedentes do estranxeiro. É dicir, as mesmas dúbidas, a mesma inseguridade xurídica, a mesma arbitrariedade que viñan padecendo até hoxe. 

As medidas anunciadas non son dabondo para equiparar o tratamento fiscal das pensións procedentes do exterior con outras retribucións, por moito entusiasmo mentireiro que lle bote a Conselleira de Facenda. Porque no esencial non modifican a lei 35/2006 do imposto da renda a este respecto. Os exemplos sempre ilustran moi ben a realidade. Alá imos.

" A “regularización” é un recoñecemento de que a aplicación que se lles veu facendo até agora da lei era dubidosa e arbitraria"

Emilia F.F., muller emigrante retornada en Suíza, cunha pensión do estranxeiro e outra do sistema publico español, ten os “astronómicos” ingresos anuais de 13.784,33 euros. A súa declaración da renda sáelle a pagar a contía de 963,66 euros anuais en concepto de IRPF. Con idéntica cantidade de ingresos unha pensionista que nunca emigrase non tería que presentar a declaración e a retención anual en concepto de IRPF sería de 694, 01 euros.

Sra. Conselleira de Facenda, segue mantendo que por fin os e as retornadas teñen un trato xusto e non discriminatorio? Daquela ten que escoller cal é o seu lado. Ten que escoller ser  escudeira de Montoro e do PP ou ser valedora dos dereitos dos galegos e galegas.

Certo que o actual marco atribúe a Galiza limitadas competencias en materia tributaria, a pesar de que algunhas medidas teñen un impacto especialmente relevante no noso país como o caso da tributación das persoas emigrantes retornadas. Estamos ante outro exemplo que pon claramente de manifesto a necesidade de superar este modelo de financiamento, reclamando outro que nos permita, con competencias exclusivas, recadar os tributos precisos para financiar os servizos públicos básicos e a economía produtiva, e que trate con xustiza e equidade aos galegos e galegas. Usemos a lei e as institucións para logralo.

Feijóo e o seu goberno teñen que escoller lado. O BNG xa escolleu. Escollemos seguir mirando os rostros honestos dos galegos e galegas retornadas. Escollemos seguir nas institucións e na rúa defendendo á nai, ao tío, á curmá, ao pai, á veciña. Decidimos escollernos a nós. 

O BNG xa escolleu. Que escollerá o PP?

Comentarios