Opinión

A dignidade de T-Solar

Onte, no reinicio do curso político, día no que se cumpriron dous meses do peche dos e das traballadoras de T-Solar, unha compañeira fíxome ver que fora unha magoa non ter feito un diario de bitácora deses 62 días. As presas, a inmediatez, o perentorio, as urxencias, fan que unha ás veces non sexa consciente da parte da historia que se está escribindo ao seu carón.

Onte, no reinicio do curso político, día no que se cumpriron dous meses do peche dos e das traballadoras de T-Solar, unha compañeira fíxome ver que fora unha mágoa non ter feito un diario de bitácora deses 62 días. As présas, a inmediatez, o perentorio, as urxencias, fan que unha ás veces non sexa consciente da parte da historia que se está escribindo ao seu carón.

Hoxe, data na que vinte persoas, traballadoras, sindicalistas e eu mesma nos vemos sometidas a un proceso xudicial intimidatorio por defender o dereito a traballar, a producir, pretendo emendar, aínda que só sexa cativamente, o meu esquecemento.

"O día 2 de xullo cando me acheguei a T-Solar, “á fábrica”, era consciente de que ía atopar diferentes historias vitais que foran truncadas por un ERE"

Quen non pensou en moitas ocasións que sería da súa vida se da noite para a mañá lle quitan o traballo. Que sería da súa filla, da súa nai pensionista a quen o fisco lle reclama miles de euros por percibir a súa pensión da emigración. 

Por iso, o día 2 de xullo cando me acheguei a T-Solar, “á fábrica”, era consciente de que ía atopar diferentes historias vitais que foran truncadas por un ERE. Do que unha non é consciente antes é dos rostros, das persoas, da dignidade, da capacidade de loita que pode achar detrás desas historias.

Historias como tantas miles no noso país en desmantelamento permanente. Dos miles de persoas que ven como esta reforma laboral os deixa na rúa sen reparar en gastos. Historias repetidas cada día, en cada lugar da nosa nación, pero non só.

Eu sabía que o noso lugar era estar alí. O lugar era a fábrica, era pecharme, -pechármonos- con eles. Que soubesen que non estarían sós na súa loita, darlles o noso alento. E tamén, porque non, actuar como “reclamo” para facer visíbel o seu conflito, a súa loita. Atraer os focos cara as súas demandas.  

O decorrer dos días e a convivencia foille dando nomes aos rostros, vida ás historias, e tamén forma a cada unha das ilusións que foron ficando en cada hora roubada dun peche que xa dura 65 días.

"O decorrer dos días e a convivencia foille dando nomes aos rostros, vida ás historias, e tamén forma a cada unha das ilusións que foron ficando en cada hora roubada dun peche que xa dura 65 días". 

Vin, e vivín, como algúns abandonaban desilusionados por un conflito que parecía unilateral, sobre o que ninguén máis parecía reparar. Por prescrición dalgún “sindicalista” capaz de asinar un ERE suicida. Ou, tamén, apremadas polas súas familias, que precisaban do pai ou da nai na casa. Vin e vivín como quen marchaba uns días por un miserábel contrato temporal de verán, volvía cada minuto libre para manterse cos e coas súas compañeiras.

Tantos días e noites, e tan longas, deron pe a moitos desencontros. Grandes e pequenos. Por cuestións de fundo mais tamén pola nimiedade máis absoluta. Ás veces a enfrontamentos tan absurdos que só se explican desde a impotencia de percibir a ignorancia e displicencia de quen ten que terzar na solución de tan penosa situación. Ninguén dixo que manter a coherencia e a dignidade fose doado.

Porén, houbo moitas horas para os encontros. Para nos coñecer. Para nos respectar. Para a confianza. Para min deixaron de ser 170 postos de traballo e pasaron a ser Rubén, Silvia, Iván, Anxo, Sonia, Iglesias, Pablo, Charly, Eva, Martín, Alex, Raúl, Pajini, Conde, Xavi, Pato, Iris, Carlos, Manolo, Elia, Toni,....persoas con cadansúa vida ás costas e empeñadas nunha loita colectiva para manter os seus postos de traballo, si, pero tamén o futuro produtivo do noso país. Para non engadir máis elos a esa terríbel cadea de desmantelamento industrial que estamos vivindo.

Nesa confianza puiden comprobar como está cicelado na conciencia colectiva que “todos os políticos somos iguais”, sen excepcións, sen escapatoria posíbel. Téñome preguntado en moitas ocasións si eu tamén deixei de ser para eles “una deputada como todas”. Si foron quen de descubrir unha muller que está en política por estar concienciada coa loita obreira. Unha galega que milita no nacionalismo porque está disposta a defender até as últimas consecuencias o dereito a vivir e traballar na propia terra. Si foron quen de ver unha compañeira máis nesta loita solidaria. Haberá de todo. Tampouco ninguén dixo que fose fácil ir contra a corrente.

"Pasaron a ser Rubén, Silvia, Iván, Anxo, Sonia, Iglesias, Pablo, Charly, Eva, Martín, Alex, Raúl, Pajini, Conde, Xavi, Pato, Iris, Carlos, Manolo, Elia, Toni,....persoas con cadansúa vida ás costas e empeñadas nunha loita colectiva para manter os seus postos de traballo, si, pero tamén o futuro produtivo do noso país"

Da confianza naceu a admiración. Admiración por aquelas persoas que deixando de lado individualismos, que por riba do fastío das tórridas tardes ourensás, por riba de decepcións momentáneas, do pesimismo, dos abandonos e das ameazas xudiciais, seguen mantendo a súa dignidade de obreiros como bandeira. Convertéronse, aos meus ollos, nos imprescindíbeis que existen en todas as loitas.

E tamén porque non dicilo, naceu a empatía persoal. Empatía forxada en longas conversas e complicidades. Cimentada en afinidades, ás veces ideolóxicas, outras persoais ou mesmo intelectuais. Moito me permitiu aprender dun mundo para min tan descoñecido como o da enerxía fotovoltaica! Mais tamén aprendín de como os homes e as mulleres somos quen de nos diluír no colectivo esquecendo diverxencias e distancias individuais. Tal vez foi isto o que me enganchou definitivamente a T-Solar e fai que me considere unha máis, unha delas.

Son moitas as cousas coas que me quedo destes dous meses. As eternas tertulias, ás veces case monólogos, que me permitiron facerlles chegar temas e posicións que non teñen cabida nos medios de comunicación. Porqué unha “se fai” nacionalista. O drama persoal e social que supón a emigración para Galiza. Igualdade de xénero e porque persisten as tremendas desigualdades. Das oportunidades do agro. A desfeita do sector leiteiro e até escandalizalos co calote de Alimentos Lácteos. Para que precisamos un Banco Público Galego. E chegaron os lumes asolando o noso país. Porqué é preciso mudar a política forestal. De marxismo. Todos estes temas tabú, e moitos máis.

Nestes meses  estar  “na fábrica” converteuse en algo natural. Ese segue a ser o meu sitio. A pesar de denuncias e demandas. A pesar de ameazas. Mentres o goberno non impulse actuacións para promover alternativas ao peche da fábrica. Mentres os meus compañeiros e compañeiras de T-Solar así o decidan.

Para todos eles e elas, especialmente para os e as imprescindíbeis, con toda a miña gratitude por térenme acollido como unha máis, este modesto tributo.


Tereixa Paz
Deputada do BNG

Comentarios