Opinión

En Lembranza de Margarita Caballero

Resúltame pouco doado falar en pasado de Margarita Caballero, finada en Vigo aos 96 anos o 13 de febreiro, e véxoa aínda camiñar ergueita como unha columna de mármore con paso decidido sen os titubeos propios da súa idade. Porque Margarita pensou e andou sempre por si propia cunha xuventude eterna e inesgotable.

Teño moi viva na miña lembranza o relato preciso dunha época na que participamos xuntos na posta en marcha da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 en Vigo. A ela e tamén, dende logo, a súa curmá Marujita, uns poucos anos maior e que sendo adolescente fora confinada polas autoridades francesas nas praias de Argelès-sur–Mer xunto a miles de refuxiadas e refuxiados españois que fuxían a Francia logo da derrota da República en 1939.

Dende a fundación da nosa Asociación, en agosto de 2005, e en todas as iniciativas que se organizaban, Margarita e Marujita eran as máis constantes, sempre xuntas, como si foran unha mesma persoa. Ata que un 14 de abril de 2013 Marujita deixounos orfos para sempre do seu permanente sorriso.

Coñecín Margarita o día da entrega dos premios “Vigueses Distinguidos” de 2006 no medio dunha concentración convocada diante do lugar onde se entregaban para protestar pola negativa de Corina Porro, daquela alcaldesa de Vigo, a conceder tal galardón á nosa Asociación (solicitado por un nutrido grupo de cidadáns e colectivos sociais e veciñais), argumentando que “non quería contribuír ao odio”.

Foi nesa concentración e á calor dunha pancarta vindicativa e as veliñas acesas que levabamos nas mans onde coñecín Margarita Caballero. Axiña conectamos e comezamos a falar baixiño das nosas vidas marcadas polo franquismo e da necesidade de reivindicar a memoria das vítimas da ditadura.

A concentración tivera tanto rebumbio que o ano seguinte Corina Porro viuse obrigada a concedernos ese galardón que recolleu Conchiña Nogueira, daquela a nosa presidenta.

Con Margarita estabamos homes e mulleres que loitabamos pola mesma causa: condenar o franquismo, anular os xuízos da ditadura, recoñecer as vítimas, rescatar das foxas comúns os restos dos asasinados para entregarllos ás súas familias, denunciar os roubos de bebés, devolver os bens e os patrimonios incautados, retirar a simboloxía franquista dos lugares públicos...

Como primeira medida había que sinalar os lugares de memoria alí onde se tiveran producido asasinatos ou represión impune. E había que facelo erixindo monólitos e placas identificativas. Había que desenvolver actos de memoria e conferencias e, sobre todo, introducir na conciencia da xente nova o significado e alcance do que foi a ditadura e o seu epílogo de impunidade.

En todo este programa memorialista realizado a ceo aberto ou a cuberto, en Vigo ou fóra de Vigo, con frío, chuvia ou vento, Margarita era a primeira, de pé ou sentada, atenta e serea, sempre lucida e dándonos exemplo do seu compromiso de resistente constante.

Esa lucidez intelixente e combativa amosouna magnificamente en plena loita para derrubar a Cruz do Monte de Castro, ese símbolo fascista aínda ergueito no corazón de Vigo.

Durante aquela loita, Margarita Caballero deu unha lección maxistral diante das cámaras das televisións estatais e de media ducia de xornalistas. Logo de que nunha reportaxe falaramos Antonio Monroy mais eu, pedíronlle opinión a Margarita sobre o que pensaba da Cruz do Castro. E ela, cunha serenidade que os demais non tiñamos, e con voz firme e decidida respostou:

Yo soy católica practicante, pero cuando paso por aquí no encuentro a Dios; solamente recuerdo a un asesino que llenó de sangre esta tierra.

Margarita Caballero Calleja deixounos aparentemente. Dela quédanos un ronsel interminable de lembranzas que nos alumean co seu exemplo de resistente solidaria e insubornable. Un ronsel de boa xente, honrada e xenerosa. Que a terra lle sexa leve.

Comentarios