Opinión

Escoitar a Terra, abrigarnos ao ritmo da Vida

Estes días estamos a escoitar voces diversas que tamén resoan de tanto en tanto no noso adentro... Por un lado, as voces serias da eficiencia con pretensión de realismo que buscan “a (nova) normalidade” para defender un status quo de privilexio ou por medo a perder as poucas/moitas pretendidas seguridades. Buscan volver a unha “normalidade” que precisamente foi e é o problema. Por outro lado, hai voces que afirman con mágoa e desasosego que “nada vai cambiar”. Mesmo parece que se van facendo máis numerosas segundo van pasando os días, tinguidas agora de desalento. Todas elas coinciden no seu horizonte pechado.

Pero moitas cousas cambiaron xa e a nosa vida nunca máis vai ser a mesma. Foron numerosas as experiencias nestes días de confinamento: a inseguridade dun posible contaxio, a falta de medios sanitarios, a vivencia da corentena, os aplausos nos balcóns, o silencio nas rúas, o aire limpo… Todo iso forma parte xa do noso acervo colectivo. Precisamos despedirnos do que perdemos: traballo, saúde, seguridade, proxectos… Precisamos elaborar o dó para pechar etapa e poder abrirnos a un novo horizonte no persoal e no colectivo.

E están tamén esas voces cheas de entusiasmo, que aseguran que “os tempos son chegados”. Voces que abren horizontes pero caen na inxenuidade cando esperan que se esfarele de vez un modelo socioeconómico asentado de séculos, sen ter en conta o ritmo e a complexidade dos dinamismos persoais, colectivos e sociais que iso implica. E non, agora mesmo non se vai dar ese cambio de modelo tan esperado por moitas de nós. Porque ese “guión de vida” social que é o modelo patriarcal capitalista non é doado cambiar!

Estamos mergulladas nun “tempo intermedio”: un tempo no que a moita xente xa non nos serve o guión vello -cada vez somos máis a escada planetaria quen estamos a poñer en cuestión a súa lexitimidade, a súa utilidade práctica para a Vida- pero aínda non estamos sendo capaces, como sociedade, de instalarnos nun modelo novo. Á vez, moitas estamos ensaiando novas rutas, e as numerosas iniciativas que se activaron estas últimas semanas para soster o colectivo, para cultivar a Vida en mil e un recunchos do planeta anovaron a nosa esperanza. Todas esas novas rutas teñen moito que ver cos coidados. Algo do que non entende nin o capitalismo nin o patriarcado.

Os coidados son todo iso que realizamos para que a vida sexa posible: a nosa vida, a das persoas que temos ao redor, a dos animais e das plantas, a do planeta… Os coidados teñen que ver con saberes acumulados de séculos polas mulleres. Polas mulleres e pola xente indíxena dos diferentes territorios do planeta, por iso nunca tiveron valor social (non é casualidade que os estados que están xestionando con maior eficacia a crise do coronavirus teñan á súa fronte dirixentes mulleres). Hai escasamente uns decenios que os movementos feministas empezaron a resaltar a súa función social para a nosa supervivencia como individuos e como especie, a súa función para a cohesión e a vertebración social, para a calidade e o benestar das nosas vidas. E agora estámolos resituando como valor socio-político urxente.

Este “tempo intermedio” é de aparente impasse; aparecen frustración e desánimo, cólera e desesperación. Para soster a nosa esperanza e permanecer creativas na acción, precisamos comprender que estamos en camiño e que o camiño pode ser máis longo do que desexariamos. Precisamos mirar con atención eses lugares onde se deixa ver a bondade humana. Precisamos comprender que a transformación social profunda é lenta e mesmo se dan retrocesos, e con iso hai que contar! Precisamos aprender a mirar a historia humana cunha ollada ampla, porque os tempos históricos mídense en decenios, en centos de anos… esa é a ollada. Precisamos saber tamén que en calquera momento se pode dar ese salto do “millonésimo círculo”…

A nosa supervivencia no planeta demándanos acelerar procesos. Así é! E para iso necesitamos lentitude nas nosas vidas, seguir en “corentena”: para mirar cara a dentro, para conectarnos con nós mesmas, para espertar, para respirar, para escoitar a Terra, para abrigarnos ao ritmo da Vida e da súa enerxía amorosa, para avivecer os soños colectivos e poder facelos realidade.

Comentarios