Opinión

Existe o mal menor dentro da violencia machista?

Aceptamos pulpo como animal de compañía cando tildamos de “torpes” os tocamentos (que non achegamentos) que todas as mulleres temos sufrido con máis ou menos anos? Somos “puritanas” por non dobregármonos ante a cotidianidade do abuso? Rexeitamos máis os homes por non calar ante a súa pobre e “optimista” insistencia, ou por aceitala como intrínseca ao xénero masculino? De ser home, ofenderíame máis o segundo.

Coido que o feminismo, como calquer movemento liberador, ten unha parte acusadora. Coido tamén que esa parte é necesaria para sinalar, xa non aqueles que xogan sucio baixo a protección dun sistema patriarcal, senón todas as situacións inxustas nas que as mulleres, polo simple feito de selo, debemos aceptar con normalidade. Sen darlle moita importancia, quitándolle ferro ao asunto e, por suposto, sen dar moito a lata.

Basta de consellos sobre como soportar unha realidade de sobra coñecida para todas. Sexamos libres, ao menos, de vivir o noso mal como nos pete. Sen pisármonos unhas ás outras, mais observando con conciencia crítica o que nos rodea. Cando reparo na nosa situación, decátome da teima, se cadra humana, de clasificalo todo nunha escala de valores.

Coido que o feminismo, como calquer movemento liberador, ten unha parte acusadora

 

Cal é, pois, o mal menor de todo este asunto? Que meu pai espere comigo a que chegue o ascensor para comprobar que está baleiro ou que o meu xefe me ignore? Aturar berros incómodos cando pasas por diante dun grupo de “machiños” ou cobrar menos que o meu compañeiro? Aceptar que o camiño de volta á casa sexa unha travesía perigosa ou resignarse a estar baixo o teito de cristal?

Na loita feminista, non hai pequeneces, e de habelas, non deberían banalizarse, pois caeríamos na contradición de tomar como normais, case afábeis, individuos aos que apartaríamos da nosa filla.

Comentarios