Opinión

O consumo de Música

Cheguei á conclusión final de que a música é un ben de consumo, chego a esta conclusión despois de vivir varias experiencias en distintos festivais de música ao vivo con diferentes proxectos.

Por un lado están eses festivais nos que se vende unha experiencia integral, non só música ao vivo, senón a comuñón ca localización, o respeto aos artistas,etc. Despois están eses outros festivais, importantes tamén, porque difunden e promocionan música local, pero sen embargo non son responsables co coidado da contorna, nin comprometidos con valores sociais. Penso que igual que vai medrando a idea de ser máis responsables co noso consumo, deberíamos levar esa responsabilidade a tódolos ámbitos da nosa vida.

Estes festivais de consumo inmediato de música teñen un papel fundamental para potenciar sobre todo, grupos locais que, en principio teñen menos oportunidades. Sen embargo da a sensación de que por outra banda, para estes festivais non importa en absoluto a calidade da música que fagas, senón que sexas un ben consumible, é dicir, un produto que está de moda e que ten un envoltorio atractivo. Obviamente para que todo saia máis barato e rentable, igual que pasa co consumismo salvaxe, evítase a boa xestión a posteriori por exemplo, dos residuos ou do coidado do contorno. Por non falar dun compromiso cero ca língua, coa igualdade de xénero ou co respeto ás/aos artistas

Como consumidoras temos un papel cada vez máis importante, estámolo comprobando no momento no que as grandes empresas mudan as súas prácticas para ser máis responsables. Sabendo isto podemos mellorar tamén o noso consumo no ámbito musical, non todo debería valer cando se trata de festa.

Comentarios