Opinión

Socialismo ou barbarie, ensinanzas da crise do coronavirus

Estamos asistindo nestes días a unha crise sanitaria, derivada dunha pandemia ocasionada por unha infección xeneralizada provocada polo coronavirus COVID19, o que está a provocar centos de miles de mortos por todo o mundo, co conseguinte temor en amplos sectores da poboación.

Fóra das numerosas críticas que se poden facer á falta de previsións, á improvisación, á mala xestión, á mentalidade centralista e militarista coa que está a afrontar o goberno español toda esta crise sanitaria e económica, eu quero neste artigo falar de toda unha serie de ensinanzas que podemos e debemos de tirar desta crise, referidas ao modelo económico actual e á necesidade do seu cambio total en beneficio dun modelo económico e social favorábel aos intereses da clase traballadora, é dicir, da maioría social.

É difícil de entender que unha pandemia dese tipo, por moita importancia que teña, estea pondo en xaque a todo un sistema socioeconómico con tantos medios económicos e tecnolóxicos ao seu alcance, se os mesmos estivesen realmente ao servizo do benestar e dunha calidade de vida digna da maioría da sociedade. O que está a acontecer é demostrativo de que todo ese poder económico e tecnolóxico está ao servizo do beneficio, dos intereses económicos privados, do capital transnacional.

Onde está esa UE social, solidaria, unida nun proxecto común para unha mellor defensa dos intereses de toda a cidadanía europea, neste mundo tan globalizado?. Unha vez máis, como xa sucedeu coa crise dos inmigrantes ou coa crise da débeda pública, o que prevalen son intereses de cada Estado, sexa por razóns de saúde neste caso ou por razóns de tipo económico, detrás dos que sempre está o capital financeiro.

E que dicir da solidariedade internacional e da visión que os diferentes países teñen das relacións entre os Estados. O imperialismo, capitaneado por EE.UU, sempre disposto a investir recursos e a enviar todo tipo de armamento e militares a calquera país onde sexa preciso “defender os dereitos humanos” (así é como xustifican, normalmente, esas intervencións imperialistas), resulta que agora nunha crise humanitaria deste tipo, onde poden morrer centos de miles de persoas (inferior aos milleiros de mortos e desprazados que provocan eles coas súas intervencións militares, todo hai que dicilo) resulta que son China e Cuba, fundamentalmente, os países que están a saír solidariamente en axuda dos países afectados pola pandemia, enviando material e persoal sanitario.

Que casualidade!

As políticas neoliberais imperantes desde a década dos setenta do século pasado, promovidas desde a dereita, e as que se sumou entusiasticamente (e contraditoriamente) a socialdemocracia española e europea, centradas en restar cada vez máis poder ao tecido público fronte ao privado, recorrendo demagoxicamente para isto a presentar socialmente esta dinámica como absolutamente necesaria dado a “ineficacia” e o “despilfarro” da xestión do tecido público; en contraposición á eficacia da xestión privada, fomentando todo un conxunto de políticas dirixidas a privatizar e desmontar os servizos públicos, os sistemas públicos de protección social e as empresas públicas de sectores estratéxicos da economía. Todo un proceso co que queda demostrado, unha vez máis, o carácter ideolóxico e as motivacións económicas de ditas políticas.

Onde está a sanidade privada en toda esta pandemia? Que sería das persoas enfermas se non fose pola sanidade pública?. Pero hai máis, quen está a pór todos os enormes recursos económicos que se precisan para afrontar tanto a crise sanitaria, como a crise económica da que vén e virá acompañada? Pois os de sempre, os orzamentos públicos con recursos saídos maioritariamente dos impostos que pagan as clases populares. O cal reafirma a necesidade de facer unha política fiscal xusta, progresiva, baseada fundamentalmente na imposición directa sobre as rendas, na que paguen máis aqueles e aquelas que máis teñen e na que, definitivamente, se eliminen os paraísos fiscais.

Fronte a idea, moi frecuente nos esquemas teóricos dos economistas neoliberais así como de algúns “modernos” (tamén moitos deles supostamente progresistas), que dá por boa e necesaria a perda de emprego do sector primario fronte ao sector servizos ou industrial, porque as teorías económicas que sosteñen o actual sistema capitalista así o estabelecen, esta crise está a demostrar que o sector primario é un sector estratéxico para a humanidade, tanto no que se refire ao seu sustento físico, como no que ten que ver coa preservación do medio ambiente ou coa loita contra o cambio climático.

Hai que garantir un prezo xusto aos produtos da agricultura, da gandaría e da pesca que permita ás xentes do agro e do mar vivir dignamente, hai que pór coto á agricultura intensiva e fomentar o consumo de produtos de cercanía. Hai que garantir a soberanía alimentar. Estamos a falar, polo tanto, dun sector estratéxico que polo que respecta á nosa nación, Galiza, ten enormes potencialidades á hora de xerar emprego, favorecer a creación de empresas transformadoras, preservar o medio, fixar poboación no rural, en definitiva xogar un papel importante no desenvolvemento económico e social do noso país (a soberanía alimentar é tamén soberanía nacional).

É certo que este virus á hora de contaxiar non distingue entre fronteiras e clases sociais, pero as consecuencias económicas que se derivan desta pandemia si distinguen entre unhas e outras: gardando relación co reparto desigual da riqueza e coas propias características do sistema capitalista. A precarización do mercado laboral co que iso significa de baixos salarios, de contratos a tempo parcial, de persoas desempregadas, de falsos autónomos e autónomas, de empregadas do fogar, de incremento da economía informal …, estamos a falar dunha estimación de máis do 50% da poboación activa con serias dificultades para chegar a final de mes en condicións normais. É evidente que en toda esta parte da poboación a dureza desta crise sanitaria e económica é moito maior que para as clases acomodadas.

O mesmo podemos dicir se falamos dos chamados países do Terceiro Mundo, cun sistema sanitario practicamente inexistente, cun peso enorme da economía informal, sen posibilidades de recorrer ao confinamento da poboación ou a contar con apoio orzamentario por parte do Estado, nada polo tanto que ver cos países desenvolvidos. Nesta crise tamén hai vítimas da explotación de clase e do imperialismo.

Durante moito tempo os teóricos do neoliberalismo, así como moitos “progres e modernos” que presumen de ser de esquerdas, estivéronnos vendendo que coa incorporación das novas tecnoloxías da información e a comunicación, a robotización, a dixitalización dos procesos produtivos, o traballo deixaba de ter o carácter central que tivera na produción de riqueza e polo tanto a clase traballadora perdía tamén o seu papel clave como suxeito fundamental e dirixente na transformación e superación do sistema capitalista.

Esta crise está a demostrar, tamén unha vez máis, que quen mantén en funcionamento a economía, crea riqueza, produce os bens e servizos que permiten a subsistencia da sociedade e garante o futuro da humanidade, é a clase traballadora, non son os mercados financeiros, non é o capital especulativo, tampouco o é a “xenerosidade” de certos oligarcas e grandes empresas facendo beneficencia, e un lavado de cara, con recursos que defraudan ao erario público. A clase traballadora segue a ser o suxeito revolucionario clave para derrotar e facer posíbel un cambio real deste sistema capitalista.

Polo que respecta especificamente a Galiza, esta crise está demostrando que estamos en mans dun goberno que de galego ten pouco, en canto que non asume a condición de tal, que acepta encantado a invasión de competencias por parte do goberno español. A Xunta está presidida por un individuo, o sr. Feijóo, que é todo un exemplo de colonizado, que menospreza o noso país e o noso idioma, que necesita permanentemente presentarse e exercer como un dirixente político español e que minte de forma continuada con tal de eludir as súas responsabilidades, que neste caso son moitas e moi graves.

El é o principal promotor do deterioro da sanidade pública galega en beneficio da sanidade privada, o que está a provocar enormes dificultades, por falla de medios e infraestruturas, á hora de dar a atención adecuada aos doentes por coronavirus, e cun enorme risco especialmente para o persoal sanitario, mais tamén para os outros colectivos de traballadores e traballadoras dos centros sanitarios.

Así mesmo, ten responsabilidade directa nun sector que está a sufrir de forma moi directa esta crise sanitaria, como é o caso das residencias da terceira idade. A Xunta apostou por privatizar e converter en negocio a atención das persoas maiores, así como en permitir un nivel de desatención totalmente inhumano, derivado da falta de medios e da precariedade en que teñen que facer o seu traballado os traballadores e traballadoras destas residencias. Todo isto foi reiteradamente denunciado pola CIG, sen que por parte da Xunta de Galiza se adoptase medida algunha ao respecto. Todo isto, pola súa gravidade (estamos a falar da vida das persoas), debía derivar en exixencia de responsabilidades políticas pero tamén de tipo penal.

Todas estas ensinanzas e aprendizaxes demóstrannos que estamos en mans dun sistema económico, o capitalismo, profundamente inxusto e inhumano. Un sistema que pola súa propia dinámica e natureza non só non vai corrixirse, senón que, como xa está a suceder, na medida en que continúe o proceso de concentración e centralización da riqueza, ao ver reducidas as súas marxes de ganancia seguirá a acentuar a explotación de clase e o expolio e a dependencia dos países subdesenvolvidos e periféricos, entre os cales está Galiza (asegurando o capitalismo no seu poder a plusvalía).

Esta crise reafirma os principios, obxectivos e razón de ser do nacionalismo galego, netamente de esquerdas e antiimperialista. Énchenos de razón a aqueles e aquelas que levamos anos loitando contra a colonización de Galiza e denunciando un modelo económico e produtivo, o capitalismo, totalmente contrario aos dereitos humanos e a unhas relacións democráticas, dignas e en pé de igualdade entre os seres humanos e as distintas nacións que coexistimos no mundo.

Neste momento, e con máis razón cando o confinamento sexa superado e a situación nos permita relacionarnos con normalidade co noso pobo, cómpre que o nacionalismo manteña a iniciativa política e un traballo decidido e claro de concienciación e organización das clases populares galegas, de cara a crear as condicións que nos permitan rachar con esta barbarie, coa perspectiva e firme convicción que iso só será posíbel nunha Galiza soberana e socialista.

Comentarios