xoves 20.02.2020

O retroceso da esquerda española

Estou convencido de que serían moitos os exemplos que se poderían pór para caracterizar e demostrar o retroceso ideolóxico da esquerda española. Eu, en calquera caso, voume referir ao retroceso no mundo do traballo, pois trátase dun aspecto central para o sistema capitalista.

O exemplo máis claro deste retroceso témolo na práctica sindical do Pacto Social. Estoume a referir a unha práctica sindical, no caso do Estado español, iniciada coa adhesión do sindicalismo español aos Pactos da Moncloa, asinados en 1977, e continuada desde aquela, até a actualidade, con numerosos acordos en materia de negociación colectiva, contratación ou sistema público de pensións, entre outros. Acordos nos que CCOO e UGT aceptan unha política de contención salarial, mesmo con perda do poder adquisitivo dos salarios; a flexibilidade laboral, tanto na incorporación ao posto de traballo, como durante a permanencia ou a saída do mesmo; o incremento das esixencias para ter acceso a unha pensión pública… Todo isto acompañado, ao mesmo tempo, de sucesivas contrarreformas laborais, da negociación colectiva ou do sistema público de pensións, coas que o capital vai impoñendo o seu modelo de precarización do mercado laboral, de deterioro do sistema público de protección social e de recorte de salarios e de dereitos da clase traballadora.

Pois ben, o Pacto Social foi e é un aliado clave do capital nesta política antisocial e antiobreira. Supón, na práctica, renunciar á loita de clases e á mobilización social, facéndolle crer á clase obreira que vive no mellor dos mundos posíbeis, abandonando o debate ideolóxico sobre modelos económicos e sociais alternativos ao capitalismo e máis favorábeis aos intereses da clase traballadora, así como fomentar a despolitización, a desideoloxización e a desesperanza entre a clase obreira, en definitiva, perda de afiliación sindical, debilitamento da clase traballadora e das súas organizacións de clase e o retroceso nas súas condicións laborais.

O último, e máis próximo exemplo de todo isto, témolo no acordo que veñen de asinar en Galiza, no pasado mes de decembro, as centrais sindicais CCOO e UGT, a patronal galega (CEG) e a Xunta de Galiza, baixo o nome de "Acordo para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria e sostíbel".

Despois do que vivimos nos últimos anos cun PP protagonista do ataque máis duro, desde a transición, aos dereitos da clase traballadora e ás liberdades; do recorte que segue a promover en materia de servizos públicos e protección social, xunto co reforzamento da súa privatización; da súa condescendencia coas condutas machistas e mesmo a súa disposición a pactar coa extrema dereita; do seu apoio á implantación en Galiza de industrias espoliadoras dos nosos recursos e altamente contaminantes; ou da súa aposta aberta a favor dos intereses da oligarquía española durante a crise económica (políticas todas elas ás que o PP de Galiza encabezado polo sr. Feixoo non é alleo) é posíbel e, sobre todo, é críbel chegar a un acordo con este partido para "avanzar nunha Galicia máis igualitaria e sostíbel"? Iso só é posíbel se en dito acordo nada se di ou contradí ás políticas citadas, como é o caso; e se algo houbese, é evidente que non se tería pensado cumprir por parte da Xunta de Galicia, como adoita ser tamén habitual nestes casos.

Cómpre preguntarse cal é a razón que leva a que dúas centrais sindicais que se din de clase, colaboren no lavado de imaxe e no branqueo do sr. Feixoo e do PP, un señor e un partido do máis reaccionario, clasista e antigalego, uns meses antes das eleccións galegas.

Cómpre preguntarse tamén que debate político e ideolóxico manteñen no seu seo estas dúas centrais sindicais cos seus cadros, delegadas e delegados, e afiliación en xeral, nomeadamente sobre modelos de sociedade e económicos, liberdades públicas, violencia de xénero, intereses de clase a que responden os diferentes partidos… Se esta é a conduta e as ensinanzas que transmiten á clase traballadora, organizacións sindicais que teoricamente deberían moverse dentro dos valores que tradicionalmente representou a esquerda, a alguén lle pode sorprender que haxa sectores da clase traballadora que terminen votando á dereita ou mesmo á extrema dereita? 

O retroceso da esquerda española
comentarios