Opinión

Historia dun monumento conmemorativo das loitas de 1972

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG), en colaboración coa Fundación Moncho Reboiras, tendo en conta que se fan 50 anos das importantes e exemplares loitas levadas a cabo pola clase traballadora galega, no ano 1972, no caso que nos estamos a referir, na comarca de Vigo, tomouse a decisión de promover todo un conxunto de actividades que desen a coñecer aqueles feitos ás xeracións máis novas que non os viviron, e ao tempo que os puxesen en valor polo que significaron de loita solidaria e combativa contra a ditadura franquista e de aposta pola conformación de sindicatos galegos.

Estamos a falar dunha data que para o movemento obreiro galego ten efectivamente un enorme significado, polo tráxico dos sucesos que tiveron lugar na cidade de Ferrol, co asasinato por parte da policía franquista dos traballadores da empresa Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, pero en concreto para o sindicalismo nacionalista esa data aínda ten máis transcendencia, especialmente a conflitividade laboral de todo ese ano na comarca de Vigo, pois foi alí, coincidindo con esa conflitividade, onde se manifestaron e tomaron corpo organizativo as contradicións que existían, no seo de CCOO e o PCE, respecto á necesidade de autoorganización da clase obreira galega, o que motivou que unha serie de cadros sindicais e políticos, destas dúas organizacións (que conformaban Galicia Socialista e Organización Obreira), desen o paso de integrarse na Fronte Obreira da UPG, facendo posíbel o nacemento dos primeiros xermolos sindicais nacionalistas nas zonas máis industrializadas da nosa nación.

Pois ben, entre os actos previstos, está a instalación na cidade de Vigo dun monumento conmemorativo desa efeméride. A inicios de febreiro tomouse contacto co Concello para informalo das nosas pretensións, das características do monumento (que pagaría integramente a CIG) e da proposta que faciamos de localización, que era en concreto na zona de Coia, nun espazo amplo que, ademais de facelo visíbel para a poboación, facilitaba no futuro facer actos de masas no seu contorno. A posición do Concello, por orde directa do Sr. Alcalde, foi negarnos a localización que lle propúñamos e ofrecernos como alternativa un lugar no Monte do Castro que invisibilizaba totalmente o monumento.

Os sucesos de setembro de 1972 na comarca de Vigo merecen ser coñecidos, divulgados, homenaxeados e socializados con toda a cidadanía

Ante a nosa firme decisión de rexeitarmos este lugar por nos parecer totalmente inapropiado, e comunicarlle ao Concello a nosa intención de denunciar publicamente estes feitos, desde o entidade local trasladóusenos unha nova proposta de localización, tamén na zona do Castro, pero neste caso nun espazo que cando menos cumpre os requisitos mínimos de dignidade que require un monumento destas características. Dadas as circunstancias e a escaseza de tempo, debido ao noso interese en instalalo neste ano que se cumpre o 50 aniversario do 1972, optouse por aceptar este lugar e levar adiante todos os preparativos burocráticos e técnicos para facer efectiva a súa instalación no prazo de tempo máis breve posíbel, coa perspectiva de facelo realidade no próximo mes de outubro.

Sr. Caballero, os sucesos de setembro de 1972 na comarca de Vigo, por ser un feito histórico relevante para o movemento obreiro galego, como exemplo de loita, combatividade e solidariedade dos traballadores e traballadoras desa comarca, pola mellora das súas condicións laborais e de vida, así como de confronto coa ditadura franquista, merecen ser coñecidos, divulgados, homenaxeados e socializados con toda a cidadanía de Vigo (e de Galiza no seu conxunto), e darlle o valor que lle corresponde como parte da historia dunha cidade coa tradición industrial e obreira como a de Vigo, aínda que as características do monumento, e o que este representa, non se corresponda coa súa ideoloxía de clase nin coa concepción de parque temático que vostede ten deseñada para a cidade da cal é alcalde.

Resulta inadmisíbel que despois de cincuenta anos non exista nesa cidade nada conmemorativo daqueles feitos, e resulta tamén moi clarificador que sexa unicamente o sindicalismo nacionalista, da man da CIG, quen promova e pague a instalación deste monumento de homenaxe a aqueles traballadores e traballadoras.

Os sucesos de setembro de 1972 na comarca de Vigo merecen ser coñecidos, divulgados, homenaxeados e socializados con toda a cidadanía

Comentarios