Opinión

Por unha Galiza con futuro

O 1º de Maio, DÍA DO INTERNACIONALISMO PROLETARIO, simboliza a loita de todas as traballadoras e traballadores do mundo pola mellora das súas condicións de traballo e de vida. 

O 1º de Maio, DÍA DO INTERNACIONALISMO PROLETARIO, simboliza a loita de todas as traballadoras e traballadores do mundo pola mellora das súas condicións de traballo e de vida. 

"A celebración do 1º de Maio representa tamén a loita pola conquista dun novo modelo e dunha nova orde económica a nivel mundial que permita acabar coa explotación do home polo home e facer realidade unha sociedade máis xusta, solidaria e democrática"

Para aqueles que acreditamos en que son as contradicións e a loita de clases as que definen modelos económicos, sociais e produtivos, a celebración do 1º de Maio representa tamén a loita pola conquista dun novo modelo e dunha nova orde económica a nivel mundial que permita acabar coa explotación do home polo home e facer realidade unha sociedade máis xusta, solidaria e democrática, na que estea garantido un reparto igualitario da riqueza, así como dereitos básicos da poboación como poden ser o traballo, a vivenda, a saúde, o ensino ou o dereito a unha pensión digna.  

Estamos a falar, pois, de facer realidade un modelo de sociedade que representaría  xustamente todo o contrario da sociedade capitalista na que estamos a vivir hoxe.

A crise económica, e as medidas que se están a adoptar por parte dos diferentes gobernos para saír desta, políticas promovidas desde altas institucións financeiras e políticas como é o caso do Fondo Monetario Internacional, do Banco Central Europeo, do Banco Mundial ou da Comisión Europea, e que despois se encargan de darlle corpo de lei e executar os diferentes gobernos de turno, son un claro reflexo de que a loita de clases segue máis vixente que nunca e de que estas institucións internacionais, e a grande maioría dos gobernos, están ao servizo dos máis poderosos, das oligarquías financeiras e do capital transnacional, que son quen a están gañando.

As sucesivas contrarreformas laborais; a contrarreforma do sistema público de pensións; os recortes do gasto en servizos públicos básicos como a saúde, o ensino ou a asistencia social; o incremento dos impostos indirectos xunto coa redución dos impostos directos ao capital e as grandes fortunas; a especulación coa débeda pública ou co prezo da vivenda, do petróleo ou dos cereais; a privatizacións de servizos e empresas públicas; todas estas políticas antisociais promovidas polo PP, o que están é a provocar unha tremenda destrución de emprego; o empeoramento das condicións de traballo e da calidade de vida de amplos sectores da poboación, mesmo xerando pobreza e exclusión social en moita dela; un reparto desigual da riqueza, co conseguinte incremento das desigualdades sociais e unha transferencia brutal de recursos públicos e das clases traballadoras para o capital, así como o debilitamento da clase traballadora e o incremento do poder económico e político da burguesía. En definitiva, estase a afondar nun modelo de sociedade máis inxusta, insolidaria e antidemocrática.

"odas estas políticas antisociais promovidas polo PP, o que están é a provocar unha tremenda destrución de emprego; o empeoramento das condicións de traballo e da calidade de vida de amplos sectores da poboación, mesmo xerando pobreza e exclusión social en moita dela"

Polo que respecta ao caso específico de Galiza, hai toda unha serie de factores que nos sitúan nun escenario aínda máis difícil á hora de afrontar as saídas á crise. Estamos a falar de factores como a nosa situación periférica respecto do centro do sistema, as políticas de corte colonial que se promoven desde o Goberno español e a Unión Europea, a falla de soberanía política para poder adoptar todas aquelas medidas que nos permitan defender os nosos sectores produtivos e poñelos en función dos intereses e do desenvolvemento económico do noso país e por último o feito de estar á fronte da Xunta un partido político, o PP, que despreza todo o que ten a ver coa nosa realidade económica, social e cultural, que non acredita para nada no autogoberno de Galiza e que actúa seguindo fielmente o que lle dita o capital financeiro español e europeo.

Resulta a todas luces revelador respecto dos intereses aos que responde Xunta de Galiza, é dicir, o PP, o feito de que diante dunha situación económica e social tan dramática para o noso futuro, posta de manifesto por indicadores como o descenso e avellentamento da poboación, o incremento do número de persoas desempregadas a cifras históricas (estamos en preto de 300.000), a marcha para a emigración de miles de mozos e mozas, moitos deles man de obra cualifica que vai producir riqueza e xerar coñecemento a outras nacións do mundo, o Goberno galego do sr. Feijoo, non teña presentado, en todos os anos que leva gobernando, un plan estratéxico, con medidas transversais en materia de política industrial, financeira, fiscal, laboral ou cultural, que permitan aproveitar as enormes potencialidades de Galiza en sectores como a pesca, o leite, a gandaría, a horta, o marisqueo, a madeira, a minaría, a enerxía, o transporte marítimo..., potenciando ao tempo o investimento en servizos públicos, infraestuturas, en I+D e na promoción da nosa cultura.    

"Resulta a todas luces revelador respecto dos intereses aos que responde que o Goberno galego do sr. Feijoo, non teña presentado un plan estratéxico, con medidas transversais en materia de política industrial, financeira, fiscal, laboral ou cultural, que permitan aproveitar as enormes potencialidades de Galiza" 

Diante desta situación tan preocupante, as galegas e galegos, non podemos permanecer resignados, esperando pola chegada de solucións que non van vir da man do PP, nin de persoeiros como Feijoo ou Rajoy. Estes señores non gobernan pensando no pobo; estes señores gobernan pensando nos seus amigos da oligarquía española, os donos dos bancos e das grandes empresas da construción e dos servizos, os mesmos que financian con grandes sumas de cartos ao PP, o que lles permite a moitos dos seus dirixentes, ente outras cousas, cobrar importantes sobresoldos en diñeiro negro.

Galiza ten moitas potencialidades para levar adiante un desenvolvemento económico autónomo que permita a todos os galegos e galegas traballar e vivir con dignidade na nosa Terra. Pero para iso, hai que rachar con todas as ataduras e todos os condicionantes que nos obrigan a xogar un papel periférico e colonial, no Estado e en Europa, impedindo que poidamos decidir por nós mesmos o noso futuro. E iso chámase ter plena soberanía política, ou o que é o mesmo,  que a soberanía do pobo galego resida no Parlamento galego e non no Parlamento español ou no europeo.

Este camiño de liberdade e de futuro para o noso país empeza porque os galegos e galegas tomemos conciencia do que somos, creamos e lle deamos valor ao que producimos e ao que nos identifica, nos organicemos en forzas sociais e políticas propias e nos mobilicemos para defender a nosa dignidade, os nosos dereitos e os nosos intereses. Se iso facemos, o noso futuro será máis digno, as nosas clases traballadoras serán máis felices e estaremos contribuíndo, solidariamente cos outros pobos do mundo, a construír unha sociedade máis xusta, democrática e sostíbel, social e ambientalmente.  

Compostela, a 29 de abril de 2014.

Comentarios