Opinión

Diante dun Primeiro de Maio diferente, pero igual

Este 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, imos ter que conmemoralo, a CIG e a clase traballadora galega, por causas de forza maior, dunha forma totalmente diferente a como é tradicional en nós, convocando mobilizacións na rúa para reclamar os nosos dereitos como clase traballadora e como pobo, para denunciar a explotación de clase e a opresión nacional e para expresar a nosa firme solidariedade co proletariado e as nacións oprimidas do mundo.

Estamos pois ante a conmemoración deste 1º de Maio de 2020 moi diferente en canto ao que ten a ver coa resposta mobilizadora na rúa, pero moi igual aos anteriores no que respecta á realidade económica e laboral na que vive a clase traballadora e polo tanto no seu contido reivindicativo.

Empezou esta crise nunha realidade económica e laboral de Galiza aínda afectada e non recuperada da crise financeira e económica que se iniciou no ano 2008, e que se pon de manifesto en datos como: a perda de numerosos postos de traballo, a forte caída da poboación activa especialmente entre as persoas menores de 40 anos, a perda de poder adquisitivo dos salarios, o incremento das desigualdades sociais, os altos índices de contratación temporal,… A todo isto temos que sumarlle unha forte crise industrial e o incremento da perda de control sobre os nosos sectores produtivos, cada vez máis penetrados por capital estranxeiro, o que está a acentuar o carácter dependente e periférico da nosa nación.

A crise económica e laboral, con perda de emprego e caída dos salarios, que vai suceder a esta crise sanitaria, vén agrandar pois a grave situación que estaba a vivir Galiza e as súas clases traballadoras, precipitando unha crise económica que xa se vía vir e que ten a ver coa dinámica do propio sistema capitalista, un sistema en crise, que busca incrementar os seus beneficios e a súa taxa de ganancia, e seguir a concentrar e centralizar a riqueza e o poder.

Non podemos permitir que o capital, a través dos grandes medios de comunicación que controla (que son a gran maioría), coa colaboración das forzas políticas e sindicais que o sosteñen, impoñan na sociedade a idea de que a crise económica é exclusivamente responsabilidade deste virus e que se terminen adoptando medidas que leven a que, unha vez máis, quen pague as consecuencias desta sexa a clase traballadora (Pactos da Moncloa bis). A crise sanitaria, humanitaria e económica non é responsabilidade da COVID-19, senón dun sistema económico (o capitalismo) depredador, explotador, opresor e inhumano.

Se algo está a demostrar esta crise é a importancia, para a maioría da sociedade, do público fronte ao privado. Como di o lema tan berrado nas nosas manifestacións, “o público é servizo, o privado é beneficio”, en calquera ámbito que se mire. Temos que esixir fortes investimentos públicos para garantir uns servizos públicos e un sistema público de protección e asistencia social, de calidade e de carácter universal. Pero é fundamental tamén facer investimento público que provoque cambios estruturais no modelo económico e para isto é preciso que os devanditos investimentos estean orientados a que a sociedade teña un peso importante no control da economía, nomeadamente dos sectores estratéxicos, por razóns de democracia real e de garantía de que a economía estea ao servizo das clases traballadoras e non ao servizo de incrementar os beneficios, o patrimonio e o poder dunha minoría.

Cómpre pois dar este debate na sociedade e de forma especial nos centros de traballo, algo no que xa nos últimos anos vén insistindo o sindicalismo nacionalista, representado pola CIG. Como insiste nos seus artigos o compañeiro Mera, gañar a batalla no campo das ideas. Debater coa clase traballadora galega sobre modelos socioeconómicos alternativos ao capitalismo, que realmente sirvan aos seus intereses como clase, así como a importancia e a necesidade de construír esa nova sociedade galega nunha Galiza soberana; unha cousa sen a outra non é posíbel.

Outra cousa que tamén está a demostrar esta crise, fronte á prédica do neoliberalismo e de certos progres (moi modernos eles e elas), é a absoluta centralidade do traballo no funcionamento deste modelo produtivo capitalista e, polo tanto, o papel central da clase traballadora en calquera proceso revolucionario de cambio do sistema capitalista.

A razón histórica de ser do 1º de Maio segue, pois, a estar de actualidade e con máis forza que nunca.

Comentarios