Opinión

Un Rato no cabazo

Para min, que esa cara de tranquilidade e serena expresión que se lle ve a Rato

Para min, que esa cara de tranquilidade e serena expresión que se lle ve a Rato, non ten outra causa que saberse completamente inocente de roubar unha bicicleta. Hasta podo adiviñar que esa cara dálla saber que aínda que o tivera feito, que é o máis seguro, o conto xa estaría prescrito. Está tranquilo Don Rodrigo. Aquí a Xustiza funciona. Están tranquilos os amigos e ex amigos do señor, por que saben que todo vai ir ben. Están tranquilos por que aínda indo para cadea, saben que a xarda repartida xa está comida e cagada. Ou no cabazo, esperando os invernos futuros, xa sen comisións. Por que Rato, facendo honra o seu nome, gustaba de comer no cabazo dos demais e de paso, co que non podía comer, encher outro cabazo para el en Suíza. Bendita sorte que tivo de dar cos xuíces que dou. Ou mala sorte que tivo o rapaz sevillano de dar con ese exemplificador xuíz, e ó que todos quereríamos ver xulgando a Gürtel ou a Rato.

A Xustiza, polo visto é cuestión de sorte. Polo visto, hai que seguir encomendándose a Divina Providencia para que a Xustiza xusta acuda a un. Ou ser do PP. O PP parece que ten liña directa ca Divina Providencia, e non sería de extrañar que tódolos primeiros venres de mes, Rajoy fale con ela amigablemente a través do plasma. A Divina Providencia non monta en bicis de aluguer roubadas. Vai en blindado. Por iso eles, os xuíces, non se confunden nin caen na trampa de crer que un Rato é un rateiro. Un pobre rouba por que é malo e un rico rouba por que é listo. Listo. Asunto arreglado. Mal o tiña o sevillano se dá cos que xulgan a Rato e a Gürtel. Eses tamén son listos. Xa por iso pasaron tantos anos na Facultade de Xustiza. Saben distinguir o trigo da palla, e son sobre todo, cegos. Cegos serán, pero son listos como os morcegos, que con ser cegos tamén, non hai mosquito que se lles escape. Mosquitos. Estes xuíces morcegos atrévense cos mosquitos pero non cos voitres nin con cucos.

Os xuíces non se confunden nin caen na trampa de crer que un Rato é un rateiro. Un pobre rouba por que é malo e un rico rouba por que é listo. Listo. Asunto arreglado

Eles ben saben a que xulgan. Ou a min parécemo. Pero eu de Dereito Romano non sei chica. Pero sei distinguir unha inxustiza. E tan inxustiza é castigar con unha pena que non se corresponde por excesiva co delito, como absolver ou poñer penas que dan risa por delitos de guante branco, solo por que os que se xulgan teñen poder para mover tódolos resortes a cantos as súas falcatruadas e “transaccións” lles permitiron acceder. Non hai como ter cartos para ter bos avogados e amigos con amigos na xudicatura. E iso non é Xustiza. A Xustiza é o ingrediente principal de calquera sociedade. Todo o resto vén dado polo grado de Xustiza xusta que nos pobos haxa.

Ter leis non siñifica que haxa Xustiza. As Leis teñen que ser xustas, e cando empecen a non selas, hai que cambialas. Por Lei fixéronse moitos males na Humanidade. E as leis sen xuíces que as interpreten pro que están feitas, tampouco valen de nada. E non vale de nada para sociedade, mandar para cárcere a unha persoa que hai oito anos ía de paquete nunha bici roubada que non sufriu danos, só por que o di non sei que articulo de sabe deus que lei. Iso non é xusto, aínda que sexa legal. En cambio, estou case seguro de que a sociedade si que lle ía valer que tódolos ladróns de guante branco, corruptos e defraudadores ingresaran na cadea e non lle empezase a contar a condena até o último céntimo do roubado máis o 21% ( sta porcentaxe é en solidariedade co canon cultural, e por que para facer o que fixo e non pagar máis que a retirada do pasaporte, hai que ter moito arte) de intereses, estivese de volta nas arcas públicas. Pode que fose ilegal, pero sería xusto. E que tódolos xuíces que de unha ou outra maneira dependeron de algún partido político pra medrar, fosen apartados da xudicatura, tamén sería xusto aínda que fose ilegal. Moitas cousas quedaron no tinteiro cando foi a Transición, e unha delas foi a renovación da Xustiza e a depuración de responsabilidades, amparadas precisamente por leis franquistas inxustas. É aí onde está a base para que as sociedades progresen e avancen sen conflitos. En ser xustos. En combater a inxustiza. E combater a inxustiza nunca poderá ser ilegal. Aínda que a lei diga o contrario.   

Comentarios