Opinión

Así nos vai

Hoxe veu varar a praia da Arnela unha touliña.


Hoxe veu varar a praia da Arnela unha touliña. Xa viña ca cor branca da morte. Despelexada. Era nova. Morreu nova. E aínda que nada se pode facer cando esa cor chega a un, a xente avisou do suceso ás autoridades, e as autoridades avisaron ós técnicos. Todo foi rápido. En menos de dúas horas xa dous operarios procedían a análises e medidas do mamífero tomando tódolos datos que nesta ocasión se toman, incluídas a extración de vísceras para o seu posterior estudio. Mentres un medía, o outro tomaba nota. Todo perfecto. Por eles saberán se morreu de enfermidade, ou dun infarto, ou atacado por unha manda de quenllas. Vaise saber. Aquí todo se sabe. Pero non se fai nada para cambiar as cousas. Se agora non varan máis touliñas mortas, non é por que se tomasen medidas para protexelas, senón por que se fixo o contrario e xa casi non quedan no noso mar. Pensan que se non existen as touliñas, as touliñas xa non terán problemas. 

Se agora non varan máis touliñas mortas, non é por que se tomasen medidas para protexelas, senón por que se fixo o contrario e xa casi non quedan no noso mar

Aquí, non se sabe nin se escoitou nunca nada de ninguén que se atrevese a matar unha, e aínda que moitas veces botemos de menos os seus brincos nas tardiñas de calmuzo, ningún de nós fixo nunca nada para evitar esa agonía a que se ven sometidas. Non son dos nosos. Viven no mar. Non falan coma nós. Os nosos son os veciños, e as autoridades, e os técnicos, e os que as matan. Non é noso problema. Se o vento fose de nordeste xa non tíñamos este problema. Xa non habería touliña varada, nin chamada as autoridades nin extración de vísceras polos técnicos. 

Nada. Non habería problema. As veces son os problemas os que nos veñen varar os ollos e os sentidos, e cando é así, aínda que peches os ollos, non hai maneira de evitar que ese problema se agarre a ti como un polbo. A xente non quere problemas. As autoridades non queren problemas. Pero hainos. E o igual que pasa ca touliña sucede cos refuxiados que cada día veñen varar a unhas praias cercanas co seu propio vento do suroeste. Son números. Sábese de sobra a causa. A guerra. O medo a morrer e o que moitas veces os leva a morte. E non se fai nada. E non facemos nada. Nada. Cada día quedaran menos. Un día mátanos a todos. Ou que morran eles solos. Como as touliñas. Xa non haberá problema. Xa ninguén chamará as autoridades dicindo que hai un neno morto na praia. Xa ninguén sacará esa foto. Xa non haberá un problema. É fácil. Sempre se fixo así. Arrasamos os seus hábitats, quitámoslle o seu alimento, esquecemos os seus problemas. Agora van chegando só mortos. Outro menos a quen salvar. Outro número na estatística. Os refuxiados de guerra non son como as touliñas, que cantas menos quedan máis parecen preocupar.

Incluso de mortas. Para nada. Os técnicos, despois de eviscerar o cadaver, deixárono alí, na area, para que o coman as pulgas, e mañán ou pasado, cando cambie o vento a nordés, ca subida da marea vaia mar adentro, onde será devorado polas gaivotas, e máis tarde, polas estrelas que habitan o fondo do mar. E cando xa a última morra e non veñan varar as praias, as autoridades e as malas conciencias terán un problema menos. E o mundo un problema máis. Pero aquí todo se sabe, e o que máis se sabe é que non saber é a mellor maneira de sabelo todo. E así nos vai. E así lle vai o mundo.      

Comentarios