Opinión

Xeración Atresmedia

Lembraba hai dous días a xeración “do 68” e como toda xeración política que cristaliza crea os seus sinais de identidades, as súas referencias e folklore e encontra os seus medios de expresar o seu discurso. Naquel entón todo era tan escaso e difícil que todo valía, valían os “Cuadernos para el diálogo” de tendencia democristiá, aínda que “Triunfo”, co PCE detrás, foi a revista daquela xeración universitaria. Logo chegou “Cambio16” que ofreceu por primeira vez xornalismo profesional tolerado. As xeracións baixo a influenza do espírito do tempo crean medios de comunicación e logo eses medios de comunicación actúan de volta modulando esa xeración e a sociedade.

Esas foron as décadas nas que reinou até un extremo alienante neses sectores "El País" e os medios do grupo Prisa ao seu redor.

Hai uns anos, que logo pasan os anos e como envellecen hoxe as cousas, presentouse unha nova xeración ou algo así ocorreu, non hai distancia aínda para sabelo, que se refire a si mesma como a do “15-M”. Unha análise da súa linguaxe, empezando pola utilización de números e siglas na maneira norteamericana, sería interesante. Foi unha xeración inesperada, tamén para si mesma. A crise e as políticas ditadas polo capital financieiro bateu na sociedade e deixou unha xeración sen futuro claro, alguén deu un toque de corneta na Rede en Madrid e a xente acudiu alí inmediatamente das súas casas.

Foi unha xeración inesperada, tamén para si mesma

 

Foi realmente inesperado e improvisado. O de “Podemos” foi outra cousa, unha equipa de políticos que non encontraban o seu lugar nas organizacións tradicionais, obsoletas e inútiles, e lóxicamente querían ter a súa hora, foi cando Pablo Iglesias rompeu con Cayo Lara. Mais o contido político daquel evento tiña que expresar lóxicamente aquelas persoas que sen ter cultura política previa improvisáronse como activistas, o proxecto “Podemos”, aínda que se remita a organizacións sociais para lexitimarse, realmente levántase sobre unha base social que non tiña formación política nin estruturas previas e iso nótase e moito. Toda a retórica que crearon o grupo fundador de Podemos e as expectativas que crearon ficaron onde están, nun partido entre os outros.

Ese proxecto foi creando os seus medios en radio, papel e dixital mais realmente tanto Podemos como Ciudadanos irrumpiron na sociedade a través das canles de televisión, Podemos de LaSexta e Ciudadanos de Antena3, principalmente.

De modo que podemos contemplar como a xeración que se viu reflectida na Transición e maiormente nos gobernos de González e Guerra nos anos oitenta e noventa, e que agora contempla o seu esgotamento histórico, tivo como referencia "El País" e o grupo empresarial Prisa e agora unha nova xeración ten como referente ao grupo empresarial Planeta. Mais, non hai problema, aínda que compitan polo público, se seguimos os pasos do diñeiro encontraremos que os propietarios dos dous grupos de comunicación finalmente son os mesmos, a banca e as empresas do IBEX.

Os propietarios dos dous grupos de comunicación finalmente son os mesmos, a banca e as empresas do IBEX

 

O grupo Planeta-Atresmedia, ademais da edición de libros, dispón dun par de xornais, un en Madrid, “La Razón”, e outro xa en Barcelona, “El Periódico”, de emisoras de radio, “Onda Cero” e emisoras musicais e dúas potentes canles de televisión, Antena3 para votantes de PP e Ciudadanos, dirixida a un público maior ou máis definido como de dereitas, e outra, LaSexta, máis desenfadada, cunha linguaxe xuvenil, dirixida a un público novo e inconformista.

Antena3 defende o Goberno de M. Rajoy e Ciudadanos, e ataca a Podemos e a maioría parlamentaria catalá. E LaSexta critica o goberno de M. Rajoy e Ciudadanos e tamén ataca a maioría parlamentaria catalá. Unha canle actúa de “poli malo” e a outra de “poli bueno” nun xogo para manter a audiencia entretida, pois diso se trata, de impedir coñecer a realidade e crear unha realidade mediática espectáculo. Caben denuncias e chistes sobre Cifuentes ou, mesmo, as raíñas cando xa é noticia nas redes, mais no esencial, na estrutura do estado, iso xa é tabú.

Unha canle actúa de “poli malo” e a outra de “poli bueno” nun xogo para manter a audiencia entretida

 

Hai unha xeración Prisa, e hai unha xeración Atresmedia. Que a vida pública española teña tan pouca seriedade, que a sociedade estea tan inerme, que se prolongue desta maneira a incultura e o incivismo herdado do franquismo e a ideoloxía centralista españoleira explícase en parte polo sistema de medios de comunicación. Explica o indefendíbel, que siga gobernando M. Rajoy e o PSOE estea dilucidando se lle fai ou non unha moción de censura á presidente dunha comunidade autónoma.

Comentarios