Opinión

Xabier, non che puiden facer o obituario

Xabier, conste que tiña pensado non escribir e ficar calado. Marchaches e non me nacían palabras. Dixen, “morreu Xabier Docampo” e non sabía dicir máis nada. Mais logo lembrei que fixéramos o acordo de facer un o obituario do outro. E tocoume a min. Fíxeno noutras ocasións mais eu sei que desta non o vou saber facer como corresponde, irmán.

Gustei sempre do Xabier, probabelmente porque recoñecín nel algo meu, sendo de distinta xeración e procedencia primeiro observámonos a distancia, logo establecemos unha camaradería e logo ese recoñecemento íntimo que chamamos cumplicidade. A cumplicidade só é posíbel sobre unha confianza total e o partillar ilusións. Porén, o Xabier, sendo tan intelixente como era, nunca foi un iluso, era inocente. E desa inocencia que conservou nacía a súa bravura.

Lembrei que fixéramos o acordo de facer un o obituario do outro. E tocoume a min

 

Xabier, estame a costar o redactar isto, debo dicir algunha cousa da persoa que coñecín? Da súa natureza? De como amabas esa palabra “irmán” que tomabas dos vellos galeguistas que tiñas por tutelares? Eu tiña reparo en chamarcho, mais ti insistías e eu sabía que era auténtico cando o dicías, porque eras todo corazón. “Todo corazón”, ese tipo de cousas que xa non se din e que espertan ironía na xente que non acredita na inocencia e na constancia dunha ollada xenerosa cara o mundo que che rodeou.

Envexeiche moito, envexei esa plenitude e serenidade que tiñas, propia dun home que tiña un centro ben establecido que fai que a vida non sexa unha carga que se leva senón un vivir atento e feliz. Quero che facer o obituario, Xabier, mais non me dá saído. Vou rematar dicindo que eras leal por natureza e que amabas sen esforzo, e que fuches leal á causa da Galiza e que amaches as persoas que che rodearon e que amaches un país que é un soño e, mesmo, este país existente tan desamparado e precisado da lealdade e o amor de persoas coma ti. Porque tiñas a habilidade de ver a xente, de vernos a todos, a todas cos mellores ollos.

Fixeches os últimos traballos, rematar un vello filme, dar ao prelo un romance que para ti era moi importante e as despedidas. E eu non me souben despedir. E aquí estamos, ti nunha banda e os vivos ficamos destoutra. Non sei qué máis dicir. Xa cho dixen, Xabier, o teu obituario non me sae. Porque non quixen, porque che quixemos. Irmán.

Comentarios