Opinión

Vivimos un NO-DO perpetuo, Cospedal

Volven saír encarapuchados ás rúas, marchas militares e o cheiro doutra época ben coñecida, a da España franquista. O NO-DO volve ocupar as rúas.

As procesións son parte da Contrareforma no século XVI, unha reafirmación da fe no papado romano en loita coa Reforma protestante. Esas persoas que desfían silenciosas, armadas dunha candea, en ringleiras e marcha militar nos costados dun “paso procesional” son soldados cristiáns fronte a herexía luterana. Sen saberen son unha afirmación da Inquisición e a persecución de herexes e conversos. Son militantes do Concilio de Trento.

Son parte da España nacional católica. Pois na España identifícase relixión con Igrexa Católica romana e esa tal relixión coa dereita franquista, co fascismo español. Esa caracterización do catolicismo e, por extensión, da relixión en xeral, é unha outra consecuencia do franquismo que, como insistirei agora e e sempre non foi unha “ditadura” senón un estado totalitario con todas as súas consecuencias e atributos.

Na España identifícase relixión con Igrexa Católica romana e esa tal relixión coa dereita franquista, co fascismo español

 

Así e todo, como a relixión cristiá é algo que fundamentou a nosa civilización, conserva o ser a linguaxe que articula a vida social. Ora por inercias históricas dun franquismo sociolóxico e político ora porque non existe unha ritualidade republicana e laica.

E, aínda así, o fracaso do catolicismo é tal que se fose unha verdadeira empresa os seus dirixentes estarían no paro hai moito tempo. Que os medios de comunicación deste réxime posfranquista, a continuación do NO-DO a través do dixital e a continuación da prensa do “bunker”, non nos enganen. E non deberían enganar tampouco á mesma Igrexa católica romana: hoxe a maioría dos casamentos son polo civil e o resto dos sacramentos son utilizados pola minoría.

Comprobamos nestes meses como o franquismo de distintas formas vive inconscientemente en sectores importantes da populación a través do nacionalismo español, mais o componente nacional católico só existe prácticamente nunha minoría que vive dos privilexios do estado e adicta ao Opus Dei e no mundo rural, envellecido e desertizado. Os sectores sociais máis dinámicos deixan atrás ese lastre.

Mais agora esta España de M. Rajoy non ten vergoña de mostrarse ao mundo como continuidade da de Franco. Aí está a ministra do Exército humillando a bandeira borbónica a media hasta pola morte de Cristo, a tradicional alianza de curas e militares. E como parte desa falta de vergoña este réxime que ignora o retroceso da imaxe de España no mundo, retrotraída máis de corenta anos, promociona a Semana Santa e as procesións da contrareforma como reclamo turístico. A proba é que está promocionada e pagada con diñeiro público, mesmo contratan “costaleros” para cargar o santo en angarellas cando non hai voluntarios.

Aí está a ministra do Exército humillando a bandeira borbónica a media hasta pola morte de Cristo, a tradicional alianza de curas e militares

 

E funciona, claro. Igual que hai europeos que acoden emborracharse co alcohol máis libre e barato que nos seus países, onde se lles permite comportamentos que no seu país non son tolerados, tamén acoden ver este espectáculo como reclamo turístico: uns nativos enmascarados, nocturnos, militarizados, cargando figuras torturadas, castigando os propios corpos...En fin, a “marca España”. Semana Santa cando non torturan bois.

O maior inimigo da relixión na España son precisamente os bispos españois e a súa alianza permanente co poder político máis reaccionario. Esa Igrexa é a que consegue que nos alonxemos cada día máis non só dela, tamén de calquera práctica relixiosa mesmo.

E, sen embargo, a relixión é parte de toda civilización, unha confesión ou outra, unhas crenzas ou outras, mais non existe civilización que non teña asento sobre unha crenza na trascendencia da vida humana e da vida en xeral. Unha civilización que non acredite na trascendencia do vivir só é un grande supermercado baleiro de sentido e fabricador de desesperación. A iso responde que escribise Humildar. Rituais para despois de Deus.

Unha civilización que non acredite na trascendencia do vivir só é un grande supermercado baleiro de sentido e fabricador de desesperación

 

Mais isto aquí non é lugar, moito menos esta Semana Santa para turistas que queren contemplar os aborixes de cada localidade escenificando ritos de afirmación papal do século XVI . Só falta a recuperación da Inquisición e os “autos de fe”. Xa non fican xudeus nin moriscos na España mais se os houber saberían ben o sentido desas procesións nocturnas con candeas acesas.

Comentarios