Opinión

A utilidade da extrema dereita

Un partido que é a vergoña de calquera país democrático, VOX, e que está representado no parlamento español e cogoberna en varias comunidades autónomas e na capital do estado, pretende a ilegalización de organizacións que loitaron contra o franquismo, como é o caso da esquerda nacionalista galega e outras. Non é aberración ningunha, a aberración é que exista VOX e teña votos que lle dan representación.

A nova restauración da casa de Borbón tras a morte de Franco non inventou nada novo, repetiu o xogo político do bipartidismo dun século antes, cando o bipartidismo entrou en crise após a crise económica de hai dez anos e a emerxencia dunhas novas xeracións que non participaban dos consensos trapalleiros da Transición a oligarquía da corte, que vive de parasitar o estado, decidiu intervir directamente no xogo político cos instrumentos de que dispón en tempo de paz. Desta volta non precisou recorrer a un xeneralote e utilizou os medios de comunicación para modificar e manipular a representación política, entraron no xogo Ciudadanos, que pasou de ser de ámbito catalán a estatal, Podemos e finalmente VOX.

Se queren ver como se modifica a representación electoral nun sentido e noutro só hai que ver os programas de Tele5, Cuatro e, sobre todo, do grupo Planeta Atresmedia (Antena3 e LaSexta). As televisión de titularidade pública van detrás. O da CRTVG é o sectarismo antidemocrático típico da dereita franquista sen máis.

VOX é un xoguete manipulado desde eses sectores tan reaccionarios, serve para estigmatizar ás únicas disidencias na política estatal e mais é punta de lanza de toda ofensiva neofranquista. Permítelle ao PP aparentar que non é herdeiro do franquismo, que non é tan radical. Mais tamén é útil á esquerda española.

Fíxose evidente cando Pedro Sánchez pediu a TVE que asistise VOX a un debate electoral cando aínda non tiña representación parlamentar. Un partido fascista resultáballe interesante por un cálculo electoral. Angela Merkel, que non afirma ser “socialista” xamais faría iso, bástalle ser demócrata. E VOX é útil cada día con cada medida que aprobe o Goberno, por cativa que sexa sempre estará aí esa voz da caverna para que semelle un goberno progresista, malia non selo.

O fascismo descarado de VOX oculta o franquismo profundo na sociedade española e a falta de cultura democrática da súa esquerda. Xa non digo nada do seu carácter de falsa esquerda.

Comentarios