Opinión

Unha axenda política nacional

É tal a crise do estado e as súas institucións, porque da débeda do estado xa non imos falar, que o Goberno, o poder executivo nacido do lexislativo, é dicir os poderes de representación política da cidadanía, ten que defenderse das entrañas do estado mesmo, o poder xudicial.

Para defenderse dun poder xudicial continuísta do franquismo, Sánchez escolle directamente a unha ministra da súa confianza. Non é que non haxa separación de poderes neste estado é que uns poderes loitan contra outros. Por encima e, sobre todo, polo medio está un rei que non sabe interpretar o seu papel ou que o interpreta literalmente, como llo deixou outorgado Francisco Franco.

O gran plató mediático político que é o tablao madrileño ocupa coas súas liortas a axenda pública e os medios de comunicación, por chamarlle así a eses cachimáns do poder económico e político da corte, berran e atordoan. Apagar o televisor, deixar de ler prensa do poder. Neste contexto é difícil podérmonos ver, diso se trata, e podermos crear unha axenda política propia, unha axenda que non sexa esa loucura fóra de xeito da corte.

O progresismo galego tivo oportunidade nos últimos meses de comprobar como os que se presentan como “progresismo madrileño” non o é para nós, cando PSOE e UP aprobaron uns presupostos máis lesivos que nunca porque Galiza non tiña representación propia e agora que un deputado do BNG puido negociar recursos que nos corresponden. Non hai progresismo que non sexa nacido da nosa propia sociedade, do noso país. Mais é difícil instalar este debate cando este país está orfo de medios para ter debates propios sobre os propios problemas e necesidades. O debate a instalar é a necesidade de botar da Xunta a Feijóo, non hai outro, non hai nada que impida dende xa mostrar a unidade dos distintos partidos para formar un goberno que nos rescate. Que debera ser conducido pola vontade nacional que encarna hoxe o BNG.

O BNG ten agora expresión en todos os ámbitos de decisión e representación, concellos, deputacións, no parlamento español a Néstor Rego e no parlamento europeu a Ana Miranda e ten unha candidata, Ana Pontón que encarna moi ben unha síntese das correntes internas. Unha forza política que aspire a dirixir unha nación debe cargar a aspiración nacional que ven de atrás e a interpretar o espírito do tempo. Ana Pontón pode ser a expresión da terra e do tempo.

Comentarios