Opinión

Un decente e un indecente

Morreu Domingos Merino e nas lembranzas que estamos a facer percibo mala conciencia, e hai motivo por case todas as partes. Porque foi unha moi boa persoa e moi digno cidadán, un político da esquerda galeguista ou do galeguismo da esquerda honrado e foi atacado desde todos os ángulos.

Ao redor do Merino político hai incomodidade pola parte do nacionalismo galego que entón era o BN-PG e que combateu como inimigos, e non como rivais, aos que formamos a ponla de Unidade Galega e PSG-Esquerda Galega. Pode haber incomodidade mesmo por parte de membros daquela propia coalición de tres partidos, pois nunha coalición sempre hai incomodidades e equilibrios.

E debera haber incomodidade polos que si eran efectivamente inimigos e como tal se comportaron, a UCD que encarnaba dun modo automático unha dereita tan provinciana como cortesana, non podemos esquecer que unha vez cada ano reuníase na cidade parte da corte franquista e celebrábase nela un consello de ministros, que non podía tolerar que un cidadán común e endemais galeguista e de esquerdas presidise “su ciudad”. E o PSOE coruñés de Paco Vázquez, onde se confundía a extrema dereita local de Dopeso e Falange con algún socialista, e que, axudado pola prensa local, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, fixo unha campaña sen límites políticos nin éticos.

Nas lembranzas que estamos a facer de Domingos Merino percibo mala conciencia, e hai motivo por case todas as partes

 

Merino foi unha persoa decente, un político honrado e unha bela persoa que padeceu un verdadeiro calvario. Non dubido de que esas experiencias nas que foi atacado persoalmente atinxiron a súa saúde, é imposíbel que non fose así.

Foi aquel un tempo de ilusións e de inexperiencias, aspirabamos a que os concellos, as únicas institucións democráticas naquela altura nas que puido entrar a esquerda galeguista, fosen o altofalante de todas as necesidades do noso país. E quixemos entón que os concellos se abrisen e tamén que entrase unha nova cultura cívica, así o quitar o crucifixo da alcaldía, un resto do nacional socialista franquista e que serviu de desculpa para atacalo, ou recibir ao capitán xeral en roupa informal. O peor era o tremendo sectarismo entre todos nós, a incapacidade sicolóxica de pactar e ser leal nos tratos. Niso hai que dicir que melloramos moitísimo.

O peor era o tremendo sectarismo entre todos nós, a incapacidade sicolóxica de pactar e ser leal nos tratos. Niso hai que dicir que melloramos moitísimo.

 

O que non mellora é a cultura e a ideoloxía social española, pode que retrocedese en relación con aquela época. O españolismo máis incívico está desatado. Onte escoitei na Radio Clásica de RNE a un colaborador descalificar personalmente a Jordi Savall, ese gran artista catalán, polas súas ideas precisamente sobre o seu país e sobre como é tratado polo estado español. Sen que viñese a conto nin tivese relación coa música, as súas opinións foron calificadas de “melonadas” e el calificado de falto de nobreza, así como que debía ser tratado como un criado. Os locutores non asentiron, calaron e seguiron. Publiquei un chío de twitter dando conta diso que foi retuiteado por outras persoas e a continuación a emisora aclarou que esas opinións respondían unicamente a un colaborador e non eran da emisora.

Grazas a Savall ouvín, ademais da Sibila galega, a Sibila castelá, canto renacentista nesa lingua, cancións xudeas en castelán... Iso non abonda, ademais hai que xurar a Constitución e someterse a un poder que se está a demostrar parapolicial sen chistar. O tremendo é que ese señor sentíase na súa casa e na confianza de que os demais presentes pensaban como el e que as demais persoas que somos súbditos deste Reino de España e que pagamos entre tod@s este estado pensamos como el. E que o que el pensa é “o normal”. Evidentemente móvese entre persoas que pensan como el, evidentemente existe un medio social estenso nesa cidade da corte que nos expulsa a tanta xente.

Comentarios