Opinión

Ula a voz da nación galega nesta crise de estado?

Non pode haber dúbida de que a política española ferve nunha revoltura confusa debido a unha fin de época: a época protagonizada por M. Rajoy tras iniciarse a crise financieira orixinada en Wall Street unida ao rebentar a bocha inmobiliaria que tivera orixe xa no goberno de Aznar.

Unha época que arruinou á sociedade, liquidou dereitos sociais e perseguiu e fixo retroceder tanto a liberdade que ben podemos dicir que hoxe con toda clareza o Reino de España non é unha democracia homologábel. Como ben saben fóra do estado nos países democráticos, alén do río Miño e alén dos Pirineos.

M. Rajoy chegou ao goberno a lombo de todos os poderes do estado, foi unánime. Esa alianza de poderes tan tupida e dura conseguiu anular calquera oposición do PSOE, maniatado tamén desde dentro por González e Susana Díaz, que novamente agora pretende que fracase a moción de censura de Sánchez e se manteña o goberno de M. Rajoy. O feito de o PSOE terse aliñado co goberno, manténdoo sen obrigarlle sequera a derrogar leis antisociais e antidemocráticas en vigor e unirse na utilización do artigo 155 da Constitución vixente para a ocupación e castigo a Catalunya fai que esta fin de época non sexa só a crise de M. Rajoy senón unha crise de todo o sistema político, a Monarquía, o Goberno, o sistema xudicial, os corpos de policía...Todo está no ar e custionado, como debe de ser.

Parecerá pouca cousa unha moción de censura apresentada por Sánchez, sostedor e cúmplice, mais a política ten a súa autonomía que non é a da ética, a da estética nin sequera a da moral e esa moción de censura é verbalizar o que estamos a dicir: estes anos conduciron a un fracaso da convivencia, a política incivil impide o diálogo e a convivencia. E, sobre todo, tras as semanas de debate da moción con todas as súas acusacións e tirapuxas, se hai un novo goberno provisorio de Sánchez antes de convocar novas eleccións vai ficar claro que o estado vai ter que sentar a recoñecer, dialogar e negociar coas autoridades lexítimas catalás.

Parecerá pouca cousa unha moción de censura apresentada por Sánchez, sostedor e cúmplice, mais a política ten a súa autonomía que non é a da ética

 

Tamén Euskadi vai querer falar co estado como tal nación vasca. Só Galiza, das nacionalidades históricas, non estará presente.

As voces que pedían unha candidatura unitaria nacional galega nas anteriores eleccións tiñan razón, o tempo demostrouno. Non val de moito voltar atrás a resgatar razóns, silencios ou desculpas: desde o punto de vista dos intereses e necesidades da sociedade galega foi un grave erro. Trátase simplesmente de non volver repetilo.

As voces que pedían unha candidatura unitaria nacional galega nas anteriores eleccións tiñan razón, o tempo demostrouno

 

As organizacións teñen as súas dinámicas propias, viven dentro de si mesmas, argumentándose, afirmándose. Son seres vivos que non queren ceder existencia, que non queren desaparecer. E canto máis tempo pasa máis afirman a súa existencia particular e máis lles costa establecer relacións “de parella “ ou fundirse nunha relación, mais... é preciso para que haxa futuro.

Haberá moción de censura en poucos días, falarán moitas voces, a voz da nación galega non existirá nese parlamento porque a sociedade galega e os partidos que actúan nela non quixeron. É hora de esixir esa voz.

Comentarios