Opinión

Tempo de indignidade

Este é un tempo no que caen as carautas e cada un toma partido e retrátase. A rebelión cívica catalá cuestionou o existente, para moitas persoas cuestionou o seu mundo todo: de súbito o que nos dixeran que era eterno, España, é posto en cuestión. E cando a xente sinte que se lle move a terra debaixo dos pés, que o mundo cae, reacciona con desesperación. Iso as persoas máis simples.

As outras, as que o saben todo, sinten ese mesmo desacougo mais non poden evitar ser conscientes do que fan e obríganse a procurarse unha boa argumentación que os xustifique. Para iso nos serven tamén as ideoloxías, para xustificar o que nos convén. Así e todo, cada vez é máis difícil xustificar o que o estado leva feito e fai en Catalunya. O PSOE avalou e avala a Rajoy, polos seus cálculos electorais arrímanse un ao outro mais pouco e pouco na mente de moita xente que leva feito risos e burlas dos presos ou dos cidadáns catalás agredidos vaise abrindo camiño un sentimento de vergoña.

A gala dos Goya é o último episodio da indignidade dos artistas españois

 

Porque é unha vergoña o que este goberno fixo e mandou facer a fiscais, xuíces e policías para solucionar pola forza o que tiña que ser solucionado democaticamente, polo diálogo e a negociación política. E terán que sentir vergoña as persoas que, para xustificar as súas demandas vitais, tanto sicolóxicas como profesionais, xustificaron e acompañaron a este goberno na liquidación do que houbese de democrático nesa constitución e neste estado. Persoas que foron acompañantes necesarios para que renacese o franquismo que sempre estivo aí e que son as únicas que se poden sentir cómodas coa situación á que chegou este estado. Un estado que xa é unha vergoña dentro da Europa.

A gala dos Goya é o último episodio da indignidade dos artistas españois, e non poden dicir que non sabían que había presos encarcerados polas súas ideas democráticas.

Comentarios