Opinión

Tempo de decepcións, "A.I."

Leo declaracións de Ana Miranda a ocupar un escano no parlamento europeu, “Era europeísta e xa non o son”. Certo que é malo de defender o europeísmo cando o único que vemos non o temos, pois é dos poderes do mercado e dos estados existentes, mais eu sigo a pensar que Europa é o noso continente, tampouco este país noso é o que eu quixer, xa non falo desta España.

Ana, insiste, a Galiza precisa que insistas nun europeísmo democráticamente combativo; parlamentarios e parlamentarias que fostes enviados alí para defender democracia e políticas e causas xustas, insistide.

Mais é certo que andamos desanimados e decepcionados, a reconfiguración dos mercados financieiros, da Europa e a recentralización descarada e salvaxe do poder na corte madrileña, no palco do Bernabéu é abafante. Dentro dese desánimo están tantas pequenas ou medianas decepcións, eses intelectuais españois que pensaba un que eran demócratas e que rin e fan burla de presos políticos ou exiliados, amigos ou veciños que pensabas que o eran e descobres que, como na Iugoslavia de hai anos, estarían ben contentos de darche un pasaporte para o cárcere ou, mesmo, para o outro barrio...Ese odio ao diferente, ao rebelde, ao libre que se rebela..., que estaba aí e se nos mostra. O odio do escravo contra o escravo libre.

Ana, insiste, a Galiza precisa que insistas nun europeísmo democráticamente combativo

 

E as actitudes dos partidos españois. Hoxe non falo diso, falo de Amnistía Internacional da que fun socio e xa non quero ser. Hai anos editei un libro a beneficio de A.I. de Galiza, concretamente coordineime cunha sección que tiña en Lugo e chamei e pedín contos a amigos, amigas e coñecidos (“Berra liberdade”, Editorial Galaxia), hoxe non o faría. A asociación española demostroume que non representa o espírito de apoio ás loitas pola liberdade en todo o territorio do estado, demostrounos a moitos que o espírito do Bernabéu é moi ubicuo. A día de hoxe segue sen recoñecer e denunciar e apoiar os presos políticos cataláns, para a A.I. española non son “presos de conciencia”. Logo por que están presos, por roubaren? Decepción amarga.

Os presos políticos en cárceres e exilios do mundo merecen a nosa lembranza, o noso recoñecemento e o noso xesto, mais hai outros medios e xeitos de llo dar e non a través de organizacións que na práctica avalan a inxustiza dun estado que día a día faise máis policial. Decepción e vergoña.
 

Comentarios