luns 30/11/20

Temos memoria, teremos memoria

"O falar non ten cancelas”, dicía a miña avoa materna (habíame gustar ter unha expresión para abrir cada semana o artigo, mais o trato non deu para tanto) e así podemos dicir que todo é o mesmo e que todos son iguais e etc. E non é así o conto, nin sequera na política.

E se non, aí os están Felipe González e Rodríguez Zapatero para demostralo. Con ter sido os dous secretarios do seu partido e presidentes de goberno español foron e son ben diferentes eles e mais as súas políticas.

Os exemplos tirados da política española resultan familiares e comprensíbeis para calquera, estamos afeitos a seguila, interpretala e darlle importancia nas nosas vidas, os exemplos tirados da política especificamente galega xa non nos son tan familiares nin comprendidos nin valorados. E, con todo, tamén temos un exemplo no que foi a longa etapa de Francisco Vázquez como secretario do PSdeG, na medida na que iso existiu, e a de Emilio Pérez Touriño, dúas etapas e dous dirixentes ben distintos.

Vázquez foi o home que tiñan aquí González & Guerra cando gobernaban en Madrid para garantir que Fraga puidese asentar aquí o seu reino, dese modo tiñan atrapado a Aznar, que sempre estaría condicionado polas manobras do presidente da Xunta daquela. O noso país, as nosas vidas, foron moeda de cambio nas manobras da política da corte. Nunca foi ben recoñecida a valentía que tivo Touriño para enfrontarse ao lobby de poderes que sostiña desde aquí a Vázquez e ao aparato do seu propio partido e abrirse camiño para impor o seu liderado na organización do PSOE aquí. E non, tampouco foi igual, no tempo de Zapatero, o goberno da Xunta presidido por Touriño e pactado con Quintana, PSdeG e o BNG, aos que houbo antes e aos que houbo despois.

É unha carga de responsabilidade moi grande a que tivo o PSOE permitindo e garantindo que asentase aquí ese poder da dereita con Fraga que agora desfruta Núñez Feijóo, non se trata dunha competición entre partidos, trátase das nosas vidas, das xeracións que agora padecen as mesmas vellas dificultades, trátase do noso país para os que non temos outro. Por iso non será bastante todo o que insistamos en esixirlle ao PSOE que cumpra as responsabilidades adquiridas con nós, co noso país, cando se presentou ás eleccións polas catro provincias galegas: desprazar a dereita para librarnos da carga destrutiva que son estes anos de Feijóo. Que Gonzalo Caballero fose esquecido polos seus dirixentes en Madrid non sería un erro sería unha decisión culpábel.  

comentarios