Opinión

Isto trata do que non podo escribir

O peor do que escriba hoxe é que vostedes xa o saben. Saben que tratará do que o estado fai en Catalunya, ou do que significa para nós, habitantes deste Reino de España, como galeg@s e como cidadáns, cidadás simplemente. Van por eles, elas, a xente catalá porque son os que se rebelan; van por nós se nos rebelamos. Isto é a España, unha finca dos Borbóns na que rouban os ladróns.

Iso é o peor, non só nos rouban, non só nos teñen vixiados, non só nos menten a través dos seus medios, tamén nos impiden respirar libremente. Respirar libremente querería dicir vivirmos en paz e podermos dedicar cada quen ao que queremos, ao que amamos. É certo que nos obrigan a dedicarnos a loitar polo que amamos, a liberdade. Mais eu tamén quería aquí poder escribir sobre o que imaxinei, pensaba escribir sobre as cousas de cada día, que non fosen estas, e sobre libros, arte, música, literatura...

Isto é a España, unha finca dos Borbóns na que rouban os ladróns

 

E mais non. Róubannos tamén iso, o dereito a pensar, falar, dicir, escribir desas outras cousas. Teño unha axenda chea de ideas sobre esas outras cousas que pensaba ir anotando aquí, cousas delicadas, cousas exquisitas. Tamén teñen de ter un lugar para existir, un país, unha cultura tamén ten dereito a que se escriba na súa lingua desas cousas das que non cómpre que escriba pois debemos..., debemos defender o dereito mesmo a existir.

Tamén eu quería ser un escritor como eses “de verdade”, que falan de literatura, de cultura e cousas así. Mais non pode ser. Non será, non serei o tipo de escritor que desexaría ser, o dun país “normal”. Son un escritor do meu país. E non podo falar de literatura. Só podo falar de liberdade, iso do que nos privan. Cando vexan nas televisións españolas ou nas páxinas dos xornais de cultura ou sociedade a escritores a falar de literatura pensen que son xente afortunada, non viven neste Reino da España onde se persigue a liberdade. Ou son cúmplices. Depende. Eu querería ser como eles, elas.

Teño unha axenda chea de ideas sobre esas outras cousas que pensaba ir anotando aquí, cousas delicadas, cousas exquisitas

 

E nin sequera podo cagar pola puta que pariu a esa xente que nos rouba o aire e nos rouba todo, pois até a linguaxe é inxusta, sexista, e as prostitutas son mulleres que xa teñen abondo co que teñen como para que lle teñamos desprezo aínda por riba. E as nais unhas teñen culpa e outras non de semellante xente ruín. E os pais que os fixeron tamén terán algo que ver nesa xente fascista. Agora que o que penso deles non o podo dicir, porque é delito desexarlles o que lles desexo.

Comentarios