Opinión

Somos estúpidos?

Nestes días de farsa borbónica, a mesma perenne representación que retratou con burla e amargura o noso Valle-Inclán nas súas farsas e esperpentos, casualmente estaba a ler Me explico, a edición en castelán do relato que fai o presidente Puigdemont do ocorrido dous anos antes de exiliarse e, de par, La forja de un rebelde de Arturo Barea. O libro de Barea conta a miseria material, social e moral da Castela e o Madrid que coñeceu e retrata a podremia do estado de militares e Borbóns. A fatalidade e desesperación do destino español. O libro de Puigdemont só informa da desgraciada continuidade dese estado até hoxe, até nós.

O Presidente Sánchez, informou das manobras na trastenda da corte tratando a cidadanía como estúpida. Somos estúpidos? Merecemos que nos diga que do que fala el co Borbón non hai nada que contarnos porque esas entrevistas ocorren na “confidencialidade” e nós non temos dereito a saber delas? Non hai confesión máis clara de que isto non é un Estado democrático, senón a mesma autocracia borbónica coa súa corrupción vestida coa súa corte de politiquillos cortesanos. Felipe VI e Juan Carlos I pactaron a fuga da xustiza suíza e o Goberno deulle cobertura policial e política. Valle-Inclán puro.

Merecemos que nos diga que “non se xulgan institucións, xúlganse persoas”? Como se o Xefe do Estado fose unha persoa particular e non unha persoa xurídica e política. Entón temos que padecer a vergoña, a humillación da nosa dignidade, o saqueo do Estado que fai unha familia? Podemos sequera, señor Sánchez, escoller cal familia, cal dinastía queremos que nos humille e roube? Outra familia real que non sexan estes Borbóns?

Sánchez afirma que non temos dereito a “xulgar” politicamente a institución monárquica por máis que fagan delitos. A forma que ten a cidadanía de xulgar politicamente en democracia é votando e este Presidente vólvenos negar ese dereito: decidir se queremos vivir baixo esta monarquía ou preferimos unha forma republicana. Que no noso caso había ser ter a opción a termos unha república galega. República, sen medo ningún e con dignidade cívica.

Non faltan cortesáns de todo tipo, como eses esquerdistas de comedia e sindicalistas da corte que din ser republicanos pero que eran de Juan Carlos, o sucesor escollido por Franco. Republicanos de Franco, o noso pai ogro? Deixen de enlordar a palabra “república” esas bocas cortesás.

Negamos que o noso destino sexa o que escribiu Franco e os seus xenerais e aprobado polas cortes de procuradores franquistas. Non somos estúpidos, señor Sánchez e socios.

Comentarios